Álex Meira intervido cirurxicamente con éxito no Juan Canalejo
Por Redacción
Chegan boas novas sobre o estado de saúde do xogador cadete do Salgueiriños, Álex Meira. O xogador, que sufriu unha parada cardiorrespiratoria durante un adestramento co seu equipo, foi operado no Hospital Juan Canalejo da Coruña e evoluciona de forma favorable, tanto que o equipo médico confía en que nuns días poida ser dado de alta e volver ao seu domicilio.
O mozo, de 14 anos, sufriu a parada cardiorrespiratoria o luns 10 de setembro, derrubándose durante a carreira en grupo que realizaban os cadetes do Salgueiriños. Foi atendido de forma inmediata polo seu adestrador, Pablo Pérez, quen pediu axuda ao adestrador do equipo xuvenil B do Pontevedra, Blas Charlín. A rápida intervención de ambos os dous resultaron claves para que o mozo lograse resistir ata a chegada dos facultativos e o seu posterior traslado ao Hospital Xeral de Vigo, onde houbo de permanecer varios días UCI.
Dende entón as mostras de apoio cara ao xogador de Poio e a súa familia foron constantes dende todos os sectores, alcanzando mesmo o seu caso unha elevada repercusión a nivel nacional.