Dominio e superioridade clara do Pontevedra (0-2) que se impón con xustiza ao Ribadumia
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
A aliñación inicial que presentou Manu Fernández deixaba claro que a semana fora movida, tras as dúas derrotas consecutivas encaixadas polos granates. Os prexudicados foron Edu, Adrián e Centrón, que deixaban o seu sitio no once a Lloves, Pablo (pasando Campillo ao lateral) e Fran Fandiño.
Se ben a suplencia de Adrián e Centrón pode considerarse lóxica á vista do escaso rendemento de ambos os dous nos últimos compromisos, non deixa de sorprender o cambio baixo os paus, onde Edu estaba absolutamente a salvo de calquera responsabilidade nos tantos encaixados.
Parecía claro que tocaba mensaxe ao plantel en busca dun revulsivo fronte a un rival que esperaba aos pontevedreses nunha posición de privilexio e cun extra de motivación polos seus numerosos antecedentes granates.
Pero ás veces a sobremotivación xoga en contra do que a posúe. Iso pasoulle ao Ribadumia, que tras os habituais minutos iniciais de tenteo cedeu o mando do partido ao Pontevedra. Os granates controlaban pero custáballes traducir o seu dominio en situacións claras de perigo, especialmente porque o seu home máis creativo, Mouriño, aparecía pouco, deixando a Jorge illado en punta.
Superado o cuarto de hora os visitantes comezaron a crear perigo. E a primeira ocasión non puido ser máis clara. Un roubo de Fran Fandiño, un dos xogadores máis activos, deixa o balón a Anxo, que filtra o pase sobre a incorporación de Kevin Presa, minuto 18. O centrocampista salva a desesperada saída de Roberto Pazos, pero cando o balón se coaba aparece Miguel para sacalo sobre a liña.
Pouco máis tarde un pase longo de Campillo encontra a Jorge, que gaña as costas a ÿscar Río, pero se topa con Roberto Pazos, que rexeita cos pés o seu disparo, minuto 24.
A terceira e última nacería de novo en Fran Fandiño. O seu centro (minuto 34) remátao Jorge, pero de novo Roberto Pazos intervén para deter.
O Ribadumia non conseguía superar a liña divisoria. Encomendado á inspiración de Changui, que non recibía balóns, pero o dianteiro é capaz de sacar petróleo do mínimo despiste, e o encontrou ao recibir un balón, deixar sentado a Pablo e disparar colocado. Lloves responde cunha excepcional parada, mandando o coiro a corner.
Corenta minutos tardara o Ribadumia en dar sinais de vida en ataque, pero só catro máis tarde fíxoo de novo cando David Feito fai dous rexeitamentos deficientes e o balón remata solto na área visitante. Jesu dispara. Entre Capi e Lloves evitan o tanto, cando case se cantaba nas bancadas.
O descanso deixaba sensación de superioridade visitante, pero tamén a evidencia de que o aparente control do partido por parte dos de Manu Fernández presentaba un punto débil nos erros propios que mantiñan viva a esperanza do cadro de Gabi Leis de poder levarse o partido.
Non obstante pouco durou esa esperanza local porque case na primeira xogada da reanudación o Pontevedra se adianta no marcador (minuto 48) ao rematar Pablo unha falta lateral, cometida por ÿscar Río sobre Fran Fandiño e perfectamente botada por David Feito, que a pon no primeiro pau, onde o central visitante se anticipa para poñer o remate na escuadra.
E puido rematar o partido pola vía rápida pouco despois, cando Martín, que xa estaba amoestado, fai unha dura entrada sobre Fran Fandiño, ao bordo da área, que lle custa a segunda tarxeta e a expulsión (minuto 57). Do lanzamento encárgase David Feito, que estrela a pelota na travesa.
Como non podía faltar a polémica, o colexiado culmina unha moi desafortunada tarde, enchida de erros, co seu lunar máis grave, ao ignorar un claro penalti de Miguel sobre Jorge (minuto 65), que encarara nunha contra a meta local.
Ao non pechar o partido os visitantes, o Ribadumia tirou de orgullo e intentou irse arriba malia a súa inferioridade numérica, pero sen lograr crear unha sóla acción de gol. A esperanza duroulle pouco tempo, xusto o que tardou Manu Fernández en ordenar a entrada no campo de Pablo Carnero.
Era o minuto 75 e só 20 segundos máis tarde do cambio, Fran Fandiño fai un cambio de orientación de verdadeiro luxo. Do resto encárgase o goleador granate, que debutaba deixando a súa firma cun disparo imparable coa esquerda, que se coa por toda a escuadra. Golazo para enmarcar e para sentenciar un partido dominado de principio a fin polo Pontevedra.
Quedaba tempo unicamente para unha nova mostra de cegueira arbitral, cando Sidibé impacta co cóbado nun salto na cara de Capi, provocándoo unha brecha cunha aparatosa hemorraxia, sen que o colexiado considerase nin sequera a acción como falta.
CD RIBADUMIA (0): Roberto Pazos (3); Pacheco (2), Martín (1), Miguel (2), ÿscar Río (1); Sidibé (1), Bisti (1); Adrián Padín (1), Jesu (1), Sylla (1); e Changui (2).
Substitucións: Jorge Fernández (1) por Adrián Padín, minuto 46. Arán (1) por Jesu, minuto 59. David Pérez (s.c.) por ÿscar Río, minuto 84.
PONTEVEDRA CF (2): Lloves (2); Campillo (2), Pablo (3), Capi (2), David Feito (2); Pedro García (1), Kevin Presa (1); Fran Fandiño (3), Mouriño (2), Anxo (2); e Jorge (2).
Substitucións: Centrón (1) por Anxo, minuto 66). Pablo Carnero (3) por Jorge, minuto 75. Luismi (s.c.) por Pedro García, minuto 84)
Árbitro: Antonio Loira Rodríguez (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Arturo Díaz Álvarez e Luis Lois Carro. Expulsou por dobre amoestación o xogador local, Martín (minuto 57). Amoestou a Anxo, Pedro García e Capi, polos visitantes.
Goles: (0-1) Minuto 48: Pablo. (0-2) Minuto 76: Pablo Carnero.
Incidencias: Campo Municipal da Senra (Ribadumia) que rexistrou un cheo total nas súas dúas bancadas, con algo máis de 1.000 espectadores e presenza moi numerosa de afeccionados visitantes. O Ribadumia exerceu de perfecto anfitrión, repartindo entre os afeccionados panos e chaveiros conmemorativos do partido, no primeiro enfrontamento ligueiro da historia entre ambos os dous clubs.