Cómodo triunfo do Teucro (33-23) sobre Maristas Algemesí
Por Ramiro Espiño
Abondaron dez minutos de intensidade defensiva e rapidez nas accións con balón para que o Teucro encarrilase un partido cómodo, fronte a un Maristas Algemesí que aproveitou o despiste con que saíu o cadro azul á pista para tomar a iniciativa nos primeiros instantes.
O 3-5 que reflectía o marcador no minuto 10 de partido fixo pedir un temperán tempo morto o técnico local, Quique Domínguez. Foi suficiente para que os seus espertasen e cun parcial de 5-0 en pouco máis de sete minutos, desen a volta ao luminoso, facendo valer a súa superioridade técnica, tanto colectiva coma individual.
Se o partido quedaba relativamente aberto ao chegar ao descanso foi unicamente debido aos erros locais nas xogadas de ataque, máis que a mérito dun rival no que unicamente o seu porteiro, Dani Arguillas, e o pivote Luisma Lorasque, deixaban mostras de posuír o nivel mínimo para a categoría.
Por se fose pouco, a profundidade de banco teucrista fixo o resto. Quique dodificou os minutos dos seus homes, mentres o cadro levantino ía acusando o esforzo. E a diferenza comezou a crecer. Tanto que no minuto 50 de partido (20-13) a única incógnita era saber ata onde chegaría o marcador final.
Os minutos que faltaban foron un paseo. O Teucro gustouse e empezou a buscar o lucimento, mentres o seu técnico aproveitaba para repartir minutos entre todos os seus homes.
Puido ser de escándalo, pero o conxunto azul non quisó afondar demasiado na ferida do rival. Os quince minutos finais sobraron, pero o que se vira foi suficiente para pensar que esta tempada parece haber equipo para facer grandes cousas.
SD TEUCRO (33): Ricardo Amérigo; David García Pichel (3), Gonzalo Carró (1), Carlos García (5, 2 de penalti), Borja Pedreira (3), Dani Hernández (6, 3 de penalti), Edu Moledo (3) -sete inicial-, Héctor Gil, Santiago Gómez, Carlos Pombo (1), David Chapela (1), Adrián Pumar (3), Marcos Dorado (4), Víctor Rodríguez (2), Iván Fernández (1) e Jose Carlos Ameijeiras.
MARISTAS ALGEMESÍ (23): Dani Arguillas; Vicente Botella, Vicente Benito (3), Vicente Tortajada (1), Carlos Esquer (2), Juan Agustín (6, 4 de penalti), Luisma Lorasque (8) -sete inicial-, Salva Sales, Gerardo Borrás (1), José Andrés Marco (2), Jorge Quiles e José Carlos Moreno.
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Miquel Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Gonzalo Carró, Dani Hernández e Víctor Rodríguez, polo Teucro, e a Vicente Benito (2), polo conxunto visitante.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 3-4, 6-5, 9-6, 11-8, 13-10 (descanso), 17-13, 20-13, 24-16, 28-19, 32-20 e 33-23 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 350 espectadores.
Relacionadas:
-
Torrelavega, próxima parada para un Teucro que busca confirmar o seu bo inicio ligueiro
Por Diego Espiño |
-
Quique Dominguez augura un partido "igualado y difícil" para o Teucro ante o Algemesí
Por Diego Espiño |
-
Foto oficial da tempada para o Teucro coa mente posta no seu primeiro partido na casa
Por Redacción |