O Mareantes enfila o tramo final da pretempada
Por Redacción
Con moitas cara mozas nos adestramentos, o Mareantes Rugby Club Pontevedra afánase en preparar para afrontar unha nova tempada.
Co difícil reto de repetir final na Liga Galega, á que chegou nos dous últimos anos logrando unha vez o título, o conxunto lerezano afronta dende esta fin de semana os seus primeiros partidos amigables.
A estrea producirase no campo de Fontecarmoa, en Vilagarcía, ante Os Ingleses este sábado ás 18:00 horas. Despois chegará o sábado 27 un choque en Monte Porreiro ante o Santiago RC para rematar cunha convivencia de todos os equipos o 4 de outubro previa ao inicio oficial da tempada, previsto para o día 11.
A dirección técnica do equipo sénior recaerá este ano en Víctor Arceo 'Morty', Enrique Rey e José Manuel Sancho, todos eles xogadores cunha ampla experiencia nas filas do Mareantes.
Pola súa banda a recuperada sección feminina do club prepárase tamén para o que será o seu debut baixo a dirección técnica de Pablo Lubiáns e a colaboración de Amadeo Cuíñas.
O bloque está composto por unha maioría de xogadoras procedentes das categorías inferiores do club xunto a novas incorporacións.
Para completar o intenso traballo no club pontevedrés o próximo luns poñerase en marcha a Escola Boa Vila. Como novidade esta tempada o equipo de monitores do club estará dirixido por Juan Giordano e contará coa colaboración de Nathan Blith (Inglaterra) e Amelia Solkoff (Estados Unidos), que impartirán unha das clases semanais en inglés para facilitar a aprendizaxe do idioma nos máis pequenos.