Debut con triunfo para o Leis na Copa Xunta
Por Redacción
Segundo compromiso de pretempada, primeiro da Copa Xunta, para o Leis Pontevedra, que arrancou a competición cun triunfo a domicilio ante o Redondela FS (0-3).
Os de Manu Cossío non se encontraron cómodos na primeira metade ante a presión do conxunto local, pero pouco a pouco foron gañando presenza ata que romperon o encontro, xa na segunda metade.
Co Redondela xogando por fases con porteiro-xogador para levar a iniciativa do xogo, o Leis logrou adiantarse e encarrilar o choque, que non se decidiu ata os instantes finais co 0-3 de Pocho cando apenas faltaban segundo para a conlusión.
A preparación dos pontevedreses avanza con sensacións positivas que deberán reafirmar este martes no segundo choque da Copa Xunta. Será no Pavillón Municipal dos Deportes ás 21:00 horas ante o Talleres ABC Vigo.