Dous erros defensivos dan o triunfo ao Deportivo B (1-2) sobre un Pontevedra sen leme nin temoneiro
Por Ramiro Espiño
Finalizado o partido calquera dos escasos asistentes a Pasarón non podía menos que preguntarse que equipo era o novel e cal o veterano. Cos papeis invertidos, o Deportivo B soubo competir, mentres o Pontevedra caía vítima de erros individuais imperdoables, de falta de rigor táctico colectivo e de falta de intensidade na disputa dos balóns divididos, iso por non afondar en máis apreciacións negativas, que farían a lista demasiado longa.
A consecuencia de todo iso foi unha xusta vitoria visitante e un segundo xerro de auga fría consecutivo para a desencantada afección local, que esperaba un equipo dominante na terceira división e que ve como ás primeiras de cambio se lle derruba o castelo de naipes, e treme só de pensar o que poida pasar a próxima xornada en Ribadumia quen o diría!.
Por segunda semana consecutiva, case antes de saír do vestiario, o Pontevedra xa estaba por detrás no marcador. Un grave erro nun intento de cesión de Adrián a Edu deixa o balón nos pés de Cardoso, que non perdoa fusilando por raso ao meta local, cando apenas se cumprira o segundo minuto de xogo.
Non obstante, a diferenza do sucedido en Ribadeo, os granates non se descompuxeron. Da man de Mouriño e Kevin Presa, os máis acertados xunto con Anxo no primeiro período, foron gañando metros e achegándose ás inmediacións da área herculina.
Intentouno Pedro García cunha volea dende a frontal que marchou arriba (minuto 10), como anticipo do tanto do empate, que chegaba nun perfecto centro de Anxo, tras gañar a liña de fondo, que era medio gol. O outro medio púxoo Jorge cunha perfecta cabezada (minuto 17), picando o balón de forma imparable.
Pero o empate, lonxe de dar ás pareceu adormecer non só o Pontevedra senón tamén o Deportivo B, que esperaba pacientemente a posibilidade dun contragolpe que lle permitise aproveitar os espazos que deixaba o desequilibrio táctico no que incorría un perdido Pedro García.
Deste modo houbo que esperar bastante para a seguinte acción de perigo. Sería no minuto 35 cando os granates puideron poñerse en vantaxe tras unha brillante acción individual de Kevin Presa, que recortou dous contrarios e se plantou na frontal. O seu disparo sacouno co pé e con moitos apuros o meta Veloso.
Sae algo máis activado o Pontevedra do vestiario, pero coa mesma falta de profundidade e o mesmo desequilibrio táctico de todo o partido. As consecuencias non tardaron en facerse notar. Mentres os granates carecían de claridade na creación, ao Deportivo B abondáballe con esperar o típico despiste ou desaxuste defensivo para intentar sacar tallada.
E fíxoo. Era o minuto 63 cando Callón aproveita que Anxo non lle segue para poñer un centro que Campillo non le correctamente permitindo que Remeseiro lle gañe as costas e remate de cabeza a pracer para volver adiantar o seu equipo.
De novo Manu Fernández, que uns minutos antes dera entrada a Fran Fandiño, vese obrigado a esgotar os cambios. Entran Jacobo e Benja, pasando a Anxo ás funcións de falso lateral.
E os granates intentaron envorcarse en busca do empate. Chegando aos tropezóns. Con máis vontade que acerto e a custa de quedar a mercé da velocidade visitante. Tanto que a punto estivo de chegar o terceiro (minuto 73) cando Cardoso deixa en evidencia a Capi, marchando en carreira e poñendo un balón en bandexa para Kim, que absolutamente só se topa co pé de Edu, que evita a sentenza.
Antes Kevin puido empatar. O seu disparo taponouno unha defensa branquiazul máis viva, máis intensa e solidaria nos apoios. Logo viría a expulsión por dobre amarela de Callón (minuto 81), o disparo de Anxo a lanzamento de falta que saca Veloso, unha caida de Jacobo na área ante a entrada de Adrián que se pediu como penalti pero sen demasiada insistencia. A expulsión do propio Jacobo por dúas tarxetas tan infantís como xustas e inadmisibles. Pouco, moi pouco ante un rival que a pesar da súa xuventude demostrou máis oficio que un Pontevedra sen leme nin temoneiro, que volveu decepcionar.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (2); Adrián (0), Campillo (0), Capi (1), David Feito (1); Pedro García (0), Kevin Presa (2); Centrón (0), Mouriño (2), Anxo (2); e Jorge (2).
Substitucións: Fran Fandiño (1) por Centrón, minuto 60. Jacobo (0) por Kevin Presa, minuto 69. Benja (0) por David Feito, minuto 69.
DEPORTIVO B (2): Veloso (2); Callón (2), Quique (2), Rober (2), Adrián (2); Iago (2), Santi Taboada (1); Cañi (1), Remeseiro (1), Kim (1); e Cardoso (2).
Substitucións: Juan (1) por Remeseiro, minuto 76. Dani Iglesias (s.c.) por Cardoso, minuto 83. Ángel (s.c.) por Cañi, minuto 92.
Árbitro: Alexandre Mazaira Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por Iván Rubio e Reny Mazaira. Expulsou por dobre amarela ao visitante Callón (minuto 81) e ao local Jacobo (minuto 88). Amoestou a Mouriño e Capi, polo Pontevedra, e a Kim, polo cadro herculino.
Goles: (0-1) Minuto 2: Cardoso. (1-1) Minuto 17: Jorge. (1-2) minuto 63: Remeseiro.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.300 espectadores.