Irún, primeira parada para unha SD Teucro que soña con volver a Asobal o ano do seu 70 aniversario
Por Redacción
Un encontro ante o Bidasoa Irún, outro histórico do balonmán español, servirá para que a Sociedad Deportiva Teucro inicie este sábado 13 de setembro a súa sexta tempada consecutiva na División de Honra Prata de balonmán. Ambos os dous presumen de ser dous dos cinco equipos vivos con máis puntos en Liga Asobal, competición á que ambos os dous ansían regresar canto antes.
O pavillón de Artaleku (19.00 horas) será o escenario para comezar ese camiño. A SD Teucro, que estrea adestrador esta tempada, inicia unha campaña ilusionante na que Quique Domínguez se marca o obxectivo de "ser o mellor equipo posible dentro das nosas posibilidades e mostrar á nosa afección un balonmán agresivo, veloz e, sobre todo entretido".
Como aconteceu nas últimas tempadas todo apunta a que a División de Honra Prata será unha categoría na que a igualdade será a nota dominante. Deportivamente, o equipo pontevedrés intentará loitar por estar o máis arriba posible na clasificación tendo en conta que haberá equipos con excelentes equipos. "Sen dúbida os mellores equipos son as do FC Barcelona B, Bidasoa Irún, Go fit Sinfín e Atlético Valladolid," destaca Quique Domínguez.
"A nosa intención vai ser competir o mellor posible na casa e fóra. E cando falo de competir é saír a gañar cada encontro. Outra cousa será o que vaiamos logrando pois hai que ter en conta que hai moitos equipos dun nivel moi parello e sumar puntos fóra de casa é moi complicado", asegura o adestrador, que espera que o público responda nesta tempada. "Intentaremos practicar un xogo co que se sintan identificados".
Será unha campaña especial para a SD Teucro. Nesta tempada a entidade pontevedresa cumpre 70 anos de existencia (farao o 4 de maio de 2015) e por iso conxúranse para seguir fortalecendo un proxecto de futuro.
Para estar nos primeiros postos será fundamental que a actuación da SD Teucro sexa parecida á da tempada 2012-2013, cando o conxunto pontevedrés só perdeu dous partidos no Pavillón Municipal dos Deportes, e para iso será primordial o apoio da afección azul, unha afección que durante a pasada campaña foi a segunda mellor da categoría cun media de 623 espectadores por partido.