Mikel Saizar, de Córdoba a Pontevedra para gozar duns días de vacacións
Por Ramiro Espiño
Mikel Saizar Soroa, guipuscoano, foi porteiro do Pontevedra entre os anos 2006 ao 2009. Formado nas filas do Real Unión de Irún, pasou despois pola canteira da Real Sociedade antes de recalar no club granate. Logo virían Cultural Leonesa, Guadalajara, e por fin o Córdoba, club co que alcanzou o soño de calquera futbolista profesional: ascender a Primeira División.
Aos seus 31 anos, Saizar soña co momento do seu debut na máxima categoría e mentres espera a súa oportunidade no cadro cordobés, non esquece os seus anos en Pontevedra. Así, aproveitando o parón ligueiro da próxima xornada en Primeira División, trasladouse ata a cidade do Lérez, para visitar os amigos, antigos compañeiros, e percorrer un sitio onde segundo o porteiro vasco, sempre se sentiu moi a gusto.
Acompañado da súa esposa e a súa filla de curta idade, PontevedraViva localizou a Saizar percorrendo as rúas pontevedresas en compañía dun excompañeiro granate, Caco, e do que fora fisioterapeuta naquela etapa, Nacho Aranguren.
O porteiro atendeunos con toda amabilidade, sinalando que había tempo que tiña ganas de volver a Pontevedra, lugar onde se sentiu sempre moi a gusto, repasando os mellores momentos do equipo granate (recordemos que Saizar foi o porteiro que defendeu a portaría granate na conquista do campionato de Copa Federación, fronte ao Mallorca B) e mandando un cariñoso saúdo para toda a afección pontevedresa, á vez que desexou que o Pontevedra consiga saír pronto da Terceira División.
Neste sentido, tamén recordou especialmente a eliminatoria de play-off contra o que agora é o seu equipo, o Córdoba, animando o club pontevedrés a intentar seguir o mesmo camiño.
Despedímonos de Saizar desexándolle que poida debutar pronto en Primeira División e que goce destes días de descanso en Pontevedra, onde a afección lle recorda con moito cariño.