Fran Matos rompe menisco e ligamento cruzado e perde a tempada co Ribadumia
Por Diego Espiño
Malas novas para o Ribadumia, que perde ao seu dianteiro Fran Matos para o que resta de tempada despois da lesión sufrida no primeiro partido de liga en Bouzas, no que os de Gabi Leis gañaron por 2-3 na súa estrea na categoría.
Fran, autor do segundo tanto, retirouse nos últimos minutos despois dunha fea entrada de Portas.
Os prognósticos non eran bos pero a resonancia magnética á que foi sometida este mércores confirmou que sofre unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo e tamén do menisco externo.
Gabi Leis: "La entrada fue a hacer daño, quizás no tanto, pero fue en el centro del campo y por detrás"
O seu adestrador, Gabi Leis, confirmou a nova ao tempo que recoñeceu que se trata dun "golpe duro para el equipo, pero sobre todo para él".
O técnico cualifica a acción como "gajes del oficio", pero mostrouse molesto pola forma en que se produciu a lesión ao entender que "la entrada fue a hacer daño, quizás no tanto, pero fue en el centro del campo y por detrás".
Este contratempo deixa ao Ribadumia con só 15 xogadores de campo para afrontar a tempada, polo que se xa sondaban o mercado en busca dalgún reforzo que completase o equipo, agora o fan con máis motivo e urxencia, aínda que tal e como recoñece Leis "no es fácil encontrar a alguien", en referencia ao limitado presuposto do que dispoñen.