Pontevedra, Arosa, Ribadumia e Sanxenxo afrontan o inicio da tempada en Terceira División
Por Redacción
A Terceira División alza o pano nunha tempada na que Pontevedra, Arosa, Ribadumia e Sanxenxo parten con obxectivos diversos.
O primeiro en debutar será o Arosa adestrado por Piscis, que visita este sábado ao Rácing Villabés (19:00 horas). O conxunto arlequinado, aínda que non o declara publicamente, parte entre os favoritos a estar entre os catro primeiros postos que dan acceso ao play-off de ascenso.
Despois de manter a boa parte do bloque que o pasado ano finalizou no sétimo posto de Terceira e de incorporacións como as de Javi Pazos ou Capelo, os de Vilagarcía aspiran dende o principio a situarse no pelotón de cabeza, unha sensación reforzada pola positiva pretempada realizada.
Un dos seus principais rivais será un Pontevedra que se marca o campionato como principal meta. O primeiro posto outorgaría vantaxe na fase de ascenso, despois de que os granates se quedasen á beira do salto de categoría o pasado curso.
As fichaxes realizadas polos de Manu Fernández sitúanlle para moitos como o rival a bater, pero deberán demostralo dende a primeira xornada, na que xogarán a domicilio ante o ÿrdenes (domingo, 19:00 horas) despois dunhas semanas de preparación na que alternaron resultados esperanzadores con outros non tan positivos, como o último amigable ante o Sanxenxo.
Precisamente o Xuventú Sanxenxo volve esta tempada a Terceira División co obxectivo de loitar pola permanencia na categoría. Para iso o club presidido por Manolo Veiga renovou o equipo dos últimos anos, con mais dunha decena de caras novas.
Os amarelos debutarán o domingo na casa recibindo en Baltar de Arriba ao Club Deportivo Choco (19:00 horas).
Por último estréase en Terceira División o Ribadumia. Con Gabi Leis aos mandos da nave a meta pasa por lograr quedarse na categoría, motivo polo que se reforzou con xogadores con experiencia en Terceira.
A primeira pedra no camiño do Ribadumia será o Rápido de Bouzas (domingo 18:30 horas) no sempre complicado campo do Baltasar Pujales.