A Travesía a Nado de Vilaxoán aspira a repetir o éxito de participación da semana pasada en Vilagarcía
Por Redacción
A Travesía a Nado ao Porto de Vilaxoán chega este sábado, 23 de agosto, ao seu 51 edición intentando repetir o éxito de participación da proba celebrada en Vilagarcía a pasada semana e que contou con 236 nadadores.
Polo momento son máis de 130 os deportistas inscritos para unha travesía que sairá dende a praia do Preguntoiro ás 11:30 horas e que terá a súa chegada no peirao de Vilaxoán.
A proba de carácter popular está organizada polo Club Natación de Vilagarcía, a Fundación Municipal de Deportes e a Asociación Marítima e Cultural Vilaxoán e inclúese dentro do Circuíto Galego de Augas Abertas.
Os participantes, segundo a categoría e idade, completarán un percorrido de 1.000 metros na súa versión curta e 2.600 metros na longa.
A inscrición debe realizarse a través do correo electrónico fatiman@vilagarcia.es antes das 13:00 horas do venres 22 de agosto, aínda que de xeito excepcional se permitirá a anotación de nadadores o mesmo día da travesía ata unha hora antes da saída.