Monbus asina este xoves a súa adhesión ao convenio de acredores do Teucro
Por Diego Espiño
Anunciouno o pasado 16 de novembro cando Monbus converteu en accións a débeda que o Pontevedra Club de Fútbol tiña coa empresa, pero este xoves día 29 de novembro será unha realidade. Raúl López asinará a súa adhesión ao convenio de acredores da Sociedade Deportiva Teucro. Farao en Lugo, como confirma o presidente da entidade pontevedresa Carlos García-Alén, "el notario tiene la documentación preparada desde el día 19, pero problemas de agenda de Raúl López o del propio notario han impedido la firma hasta ahora. Me han dicho que será el 29".
A prórroga aberta no prazo de adhesións termina un día máis tarde, o 30. Será pois a partir da próxima semana cando o administrador concursal asignado ao caso polo Xulgado do Mercantil 2 de Pontevedra poida tomar posesión do cargo, "cuando tome posesión empezará a mover todo el papeleo, nos levantará los embargos y trataremos de volver a la normalidad poco a poco".
"Calculo que llevamos retirados un 25% menos de carnets de socio. La mayoría son de gente que no suele ir a los partidos"
Ter embargados os ingresos da tempada dificultou excesivamente o día a día do clube, que segundo o presidente foi sobrevivindo co diñeiro dos socios, "los embargos nos impedían acceder a subvenciones y cobrar patrocinios. Hemos conseguido llegar hasta hoy por el cobro en efectivo de los abonos". A retirada de carnés, con todo , non foi todo o positiva que esperaba a directiva teucrista, "calculo que llevamos retirados un 25% menos de carnets. La mayoría son de gente que no suele ir a los partidos".
Co si definitivo de Monbus e "algunas pequeñas adhesiones más" o Teucro pechará o prazo cun 55% da débeda ordinaria incluída no convenio de acredores, aceptando rebaixar as cantidades adebedadas á metade e recibir o restante nun prazo de cinco anos.