Ilusión e ganas no arranque dos adestramentos para o Teucro
Por Diego Espiño
Primeiro día de traballo para o novo proxecto da Sociedad Deportiva Teucro con Quique Domínguez aos mandos.
O primeiro equipo azul púxose en marcha cunha primeira sesión de adestramento nun Pavillón Municipal dos Deportes que desbordaba ilusión ante o reto de realizar unha notable tempada na División de Honra Prata.
O obxectivo principal será un ano máis a permanencia, pero os teucristas non descartan pelexar por metas máis ambiciosas conforme avance a tempada.
Antes é quenda de conxuntar a un equipo que presenta cinco caras novas, as de Edu Moledo, Iago Gómez, Ricardo Amérido, Dani Hernández e Gonzalo Carró, pero no que non estará Álex Pombo tras decidir abandonar a entidade pontevedresa.
Quique Domínguez recoñeceu que buscarán un substituto para o extremo, pero non descarta dar por pechado o plantel a pesar desta repentina saída.
Na primeira sesión de preparación púidose ver tamén un David Chapela moi recuperado da lesión de ombro que o obrigou a pasar polo quirófano. Xunto a el catro xogadores do filial, tres do xuvenil e o bloque que continúa da pasada tempada: César Armán, Iván Fernández, Marcos Dorado, Carlos García, Pichel, Víctor Rodríguez, Borja e Carlos Pombo.
O técnico teucrista programou para as primeiras semanas xornadas de dobre sesión, con traballo físico polas mañás e táctico polas tardes, antes de que o 14 de agosto se inicien os encontros amigables cun partido ante o Ismai portugués.
Ademais deste partido, outras datas confirmadas da pretempada son os choques de Copa Galicia (o 16 de agosto ante Balonmán Pontevedra ou A Cañiza), ante o ABC de Braga o día 27 ou ante o Atlético Novás o 6 de setembro.
A intención de Quique Domínguez é disputar "entre 8 e 10 partidos", sendo o do ABC Braga o único dos confirmados ata o momento que se xogará no Pavillón Municipal dos Deportes.
Relacionadas:
-
Chegar aos 1.000 socios, obxectivo do Teucro nunha campaña de abonados que mantén os prezos
Por Diego Espiño |
-
Ricardo Amérigo: "Estoy contento de estar en un equipo con tanto nombre como el Teucro"
Por Redacción |
-
Chapela, último reforzo teucrista: "Llegaré a tope al inicio de temporada"
Por Redacción |
-
Carlos Pombo e Víctor Rodríguez apúntanse ao Campionato de España de Balonmán Praia
Por Redacción |
-
Álex Pombo rescinde o seu contrato co Teucro
Por Redacción |
-
O Bidasoa, primeiro rival da SD Teucro na tempada 2014-2015
Por Alejandro Espiño |