Ignacio Sarmiento e Alberto Salcedo, dúas medallas de bronce para a Gimnástica no Nacional de Alcobendas
Por Alejandro Espiño
Dúas medallas de bronce, logradas por Ignacio Sarmiento en 400 metros valos e Alberto Salcedo en 200 metros, son as que se trae a Sociedade Gimnástica do Campionato de España absoluto de atletismo que se disputou esta fin de semana na localidade madrileña de Alcobendas. O equipo pontevedrés, malia que contaba con algún que outro finalista máis, colleitou un bo balance neste torneo.
Ignacio Sarmiento, con esta medalla de bronce, puxo a guinda a un campionato fantástico para el. Chegaba á final de 400 metros valos co mellor tempo (51:18) de todos os seus rivais. Rebaixouno ata ata os 50:63, a súa mellor marca persoal, pero tívose que conformar co bronce ao ser superado, nunha carreira moi rápida, por Sergi Fernández e Robert Díez. O primeiro baixou dos 50 segundos e logrou a mínima para o Europeo de Zúrich.
O segundo dos metais para a Sociedad Gimnástica lográbao pouco despois Alberto Salcedo nos 200 metros. Era unha das grandes opcións de medalla do club pontevedrés, sobre todo logo do ben que correra nas semifinais, onde con 21:31 asinara o terceiro mellor tempo. Na final correu algo máis rápido, 21:25, pero atopouse con Iván Ramos e Sergio Ruíz, que baixaron dos 21 segundos, 20:84 e 20:87, respectivamente.
Na tarde deste domingo tamén accedeu á final Julián Ortiz en 110 metros valos. Foi oitavo cunha marca de 14:20, lonxe de calquera posibilidade de medalla. Nas semifinais, nas que logrou clasificarse terceiro na súa serie, correra lixeiramente máis rápido, 14:16. E o relevo 4x400, formado por Alfonso Pérez, Eduardo Suárez, Ignacio Sarmiento e Eduardo Gallardo, foi quinto cun tempo de 3:14:13. Quedáronse a cinco segundos do bronce.
Ata esta última xornada, o mellor resultado para os atletas da Sociedade Gimnástica neste Campionato de España fora o cuarto posto logrado por Víctor Gallego no lanzamento de disco. Estivo moi preto de colgarse unha medalla. Con 52.39 metros no seu primeiro intento asegurouse un posto entre os oito primeiros e os 53.94 do seu terceiro lanzamento colocárono nunha terceira praza que finalmente non puido manter.
Pola súa banda, Eva Iglesias, que foi a primeira atleta do club pontevedrés en competir en Alcobendas, callou tamén unha boa actuación nos 10 quilómetros marcha feminino. A pupila de Pablo Díaz non puido estar na pelexa polas medallas, pero aínda así fixo unha gran marca de 48:09.86 que lle valeu un merecido posto de finalista, ao quedar en sétimo lugar.
Non houbo sorte nas semifinais dos 800 metros, onde tanto Eduardo Suárez como Sergio García non se clasificaron para a final. Eduardo tivo un tropezo cando saía á recta de meta e estivo a piques de caer ao chan, o que lle atrasou o suficiente para impedirlle pelexar pola clasificación para a final. Pola súa banda, Sergio viuse moi atrasado a falta de 200 metros para a meta e aínda que o intentou non puido chegar a pelexar por estar na final.
David Alejandro non chegou a plenitude de forma ao nacional absoluto. Non tivo unha cómoda eliminatoria nas primeiras roldas dos 100 metros e con 10.98 quedouse fóra das semifinais. Tamén Eduardo Gallardo quedouse fóra da loita polas medallas, no seu caso nos 400 metros. Había que correr por baixo de 47.30 e non tivo ningunha posibilidade de entrar na final ao facer un crono de 49.21.
Tampouco foi o mellor campionato para David Martínez nos 1.500 metros, que con 03:50.53, non conseguiu meterse na final, nin para Marc Tur, unha das grandes esperanzas da Sociedad Gimnástica, que foi descualificado nos 10 quilómetros marcha. E Manuel Molinos non estivo nas súas marcas na proba de salto de altura. Con tres nulos sobre 2.05 metros, tivo que conformarse coa altura inicial de 2 metros e o undécimo posto da final.