Notable resultado de Pablo Dapena: o triatleta pontevedrés, undécimo na Copa de Europa de Banyoles
Por Alejandro Espiño
Nutrida foi a representación galega na proba da Copa de Europa de Tríatlon celebrada este domingo na localidade catalá de Banyoles. E entre todos eles, un pontevedrés, Pablo Dapena, que volveu asinar unha magnífica actuación. O triatleta concluíu a proba nunha notable undécima praza, o mesmo posto que logrou unha semana antes no tríatlon que se celebrou en Xenebra (Suíza), tamén puntuable para a Copa de Europa.
Nunha proba dificultada en grande maneira pola calor, Pablo Dapena permaneceu no grupo de cabeza desde o principio da carreira. De novo, o sector da natación volveu a ser moi bo para o pontevedrés, que saíu da auga nas primeiras posicións. Con un parcial de 18:49 tan só perdeu nove segundos con respecto ao máis rápido nadando, o estadounidense Ben Kanute. E no sector de bicicleta, no que houbo moito movemento, mantívose entre os primeiros.
Un nutrido grupo duns 50 triatletas chegaban moi parellos á segunda transición. Pero nada máis comezar os 10 quilómetros de carreira a pé, o británico Mark Buckingham e o español Jesús Gomar impuxeron un forte ritmo que os levou a liderar a proba. Tras completar dúas das tres voltas, o valenciano ía primeiro pero unha penalización por colocar mal a bicicleta na zona de transición deixouno fóra do podio.
O gañador final foi o triatleta británico, que parou o crono en 01:47:59. Quedou por diante do australiano Peter Kerr e do neocelandés Sam Ward. Jesús Gomar foi o mellor español clasificado ao quedar oitavo, mentres que Pablo Dapena, que correu o último sector en 33 minutos e 45 segundos, quedou situado na undécima praza, cun tempo de 01:49:14, a un minuto xusto da medalla de bronce.
Os outros galegos que competiron en Banyoles foron Uxío Abuín (posto 16), Diego Paz (posto 31) e Antonio Serrat (posto 36).
Na proba feminina Galicia contaba só con unha representante, María Ortega, deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD. Foi a mellor das españolas. Estivo sempre no grupo de cabeza e aínda que baixou un pouco no último segmento, aguantou e rematou a proba na décimo sexta posición cun tempo de 02:04:55. A gañadora da proba foi a francesa Alexandra Cassan Ferrier (01:59:46).
A Copa de Europa de Banyoles celebrouse sobre a distancia curta (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pé) e discorreu por uns paraxes espectaculares, en torno ao lago de Banyoles, o máis grande de Cataluña.
Relacionadas:
-
Sétimo posto en Madrid para Pablo Dapena, o mellor español na final da Copa de Europa de tríatlon
Por Redacción |
-
Madrid, Cozumel e Cartagena de Indias, retos para Pablo Dapena no tramo final da tempada
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena proclámase en Águilas subcampión de España de tríatlon
Por Redacción |
-
Bo resultado do pontevedrés Pablo Dapena en Alemaña: foi sexto no tríatlon de Dusseldorf
Por Alejandro Espiño |
-
Agridoces sensacións de Pablo Dapena en Mooloolaba (Australia), a súa primeira Copa do Mundo de Tríatlon
Por Alejandro Espiño |