A Sociedad Gimnástica pon en marcha as súas escolas deportivas e celebra a Media maratón
Por Redacción
Neste mes de outubro celébrase o XVII Media Maratón Cidade de Pontevedra e comeza a Escola Municipal de Atletismo. A Sociedade Ximnástica participa nas competicións de atletismo baixo o paraugas da Federación Galega e Federación Nacional, para ademais realiza unha serie de actividades paralelas para promover o atletismo na sociedade pontevedresa, tratando de rendibilizar o mellor posible os poucos recursos económicos que consegue abranguer.
O mes de outubro é unha época clave para a veterana sociedade. A entidade no seu 85 aniversario iniciou con grande éxito a Escola Municipal de Atletismo, superando de sobra as prazas ofertadas e batendo o record de inscritos no seu primeiro día de actividade. A falta de concretar o número exacto, son máis de cen rapaces os que este ano uniron as súas inquietudes deportivas ao atletismo, o que obriga a Dirección Técnica da Ximnástica a esforzarse por mellorar as actividades que ofrecen aos futuros atletas, durante os oito meses de duración da Escola.
Ademais, o próximo día 21 a Ximnástica organiza a XVII edición da Media Maratón Cidade de Pontevedra. Cando apenas se levan dúas semanas dende que se abriu o proceso de inscrición xa son máis de 700 atletas os que se anotaron á carreira. Se o ano pasado se inscribiron 1.198 atletas, nesta edición a cifra pode roldar os 1.400 participantes o que sería sen lugar a dúbidas un grande éxito.