Os amantes do balonmán praia teñen dobre cita en Sanxenxo, con torneos en Baltar e Silgar
Por Redacción
Sanxenxo converterase esta fin de semana na capital galega do balonmán praia. Dous torneos atraerán centos de deportistas. Trátase do Campionato Galego que terá lugar este venres na praia de Baltar (Portonovo) e do XVI Torneo de Balonmán-Praia Sanxenxo que se desenvolverá o sábado e o domingo en Silgar. Ambas as dúas competicións prometen un grande espectáculo deportivo.
En Baltar estará en xogo, o título de campión galego e una praza para participar no Campionato de España de Balonmán Praia sénior, que se celebrará en Laredo (Santander) os días 2 e 3 de agosto. Todos os equipos acoden á cita, polo tanto, con moita ilusión e interese.
Na categoría masculina os equipos clasificados son: PTV HandStrand, Sin Semilla, BM Praia Painkillers, A Pousada do Couto, Tapería Abordaje, BMP Panchitos, Molubesa Bueu Atlético e Pescados J.M. Rodríguez. Na feminina, os oito equipos que lograron a súa praza para disputar a final de Portonovo son: Waterfuckers 2.0, El Bunga, Espartanas, Las Merengue Merengue, As de sempre, Ackalo-Painkillers, 100 x 100 Animal e Caselas.
O torneo comezará as dez da mañá en dous campos dispostos na Praia de Baltar e a festa do balonmán praia finalizará coa celebración das dúas finais. A feminina terá lugar as 19:00 e a masculina, media hora máis tarde.
En Silgar a competición terá lugar o sábado e o domingo. Alí celebrarase o XVI Torneo de Balonmán-Praia Sanxenxo, que este ano bateu o record de participantes con 38 equipos. Equipos chegados de Madrid, Castela e León e Asturias enfrontaranse aos clásicos galegos, tanto en categoría masculina como feminina.
Os partidos disputaranse en xornada dobre do sábado e vespertina do domingo en tres pistas repartidas pola area de Silgar. Ademais do torneo en si, o domingo celebrarase o Trofeo Gol Espectacular, onde coa única premisa do espectáculo, os participantes poderán dar renda solta individual ou colectivamente ao seu enxeño para con piruetas, xiros imposibles, flys colectivos e demais atrevementos busquen conseguir o triunfo.