Artai Pazos e Javier González xa están en Azerbaiyán para disputar o Mundial de taekwondo para cadetes
Por Redacción
O primeiro Campionato do Mundo Cadete de taekwondo, que se vai a disputar en Bakú (Azerbaiyán), comezará este venres 25 de xullo coa participación do pontevedrés Artai Pazos, deportista do Mace Sport. Os outros tres galegos presentes no Mundial, Pilar Rodríguez, Adrián Pombo e Javier González (tamén do club pontevedrés) terán que esperar ata o domingo para competir.
Artai Pazos (-49, Mace Sport) xa coñece ao primeiro rival nun peso moi competido e duro, no que participarán un total de 33 deportistas. Artai comezará a competición fronte ao iraní Ebrahim Safari. A estas idades é complicado falar de favoritos, aínda que o que está claro é que Irán é unha potencia mundial no deporte do taekwondo.
Os outros tres galegos competirán o domingo 27. Pilar Rodríguez (Natural Sport Riveira) participará no peso de -59 quilogramos e no primeiro combate terá como rival á serbia Natalija Calic. Adrián Pombo (Maniotas) enfrontarase ao chinés Tsung Hsun Li en -65 quilogramos, mentres que Javier González (Mace Sport) iniciará a competición fronte ao polaco Marek Wozniak en -61 quilogramos.
Para esta primeira edición do mundial, e coa intención de protexer a integridade dos mozos e mozas destas idades, a WTF en conxunto co comité médico aprobaron a utilización do casco cunha especie de careta á fronte para maior protección dos competidores.
Neste primeiro Mundial Cadete participará case 600 deportistas de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos. Os catro deportistas galegos puideron viaxar a Bakú grazas ao esforzo económico realizado pola Federación Galega de Taekwondo e os propios deportistas e a colaboración de algunha institución, xa que a Federación Española non asumiu gasto algún.