Aguete acollerá a primeira fin de semana de agosto a XVII edición da súa tradicional Regata de Cruceiros
Por Redacción
A Ría de Pontevedra volverá ser escenario dunha das citas anuais máis importantes de Galicia na clase cruceiro de vela. Trátase da XVII edición da tradicional Regata Cruceiros de Aguete, organizado polo Real Club de Mar de Aguete, que se celebrará os próximos días 2 e 3 de agosto.
De novo, e van once anos consecutivos, será unha das tres probas galegas puntuables para a Copa de España de Cruceiros.
A organización espera chegar novamente nas 40 embarcacións participantes, cuxa inscrición aínda se está a realizar nestes días. Teñen de prazo ata o día 1 de agosto, aínda que xa algúns dos mellores especialistas da zona norte o fixeron, fundamentalmente vencedores en anteriores edicións, como son "Solventis", "Billa", "Oral Group", "Ozoaqua" ou "Etea".
A Regata de Cruceiros de Aguete constará de tres probas, que se disputarán en dúas xornadas. O sábado día 2 levarase a cabo a etapa costeira de 20 millas pasando polos faros próximos a Ons e Bueu e con entrada e saída fronte ao club de Aguete.
Na xornada do domingo, en cambio, serán dous percorridos técnicos montados entre balizas fronte ao club e dunhas seis millas de lonxitude cada un que adoitan ser de gran vistosidade xa que dan a posibilidade de ser seguidos visualmente ao completo polos afeccionados dende terra e concretamente, dende o club.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada división e á mellor embarcación con algún tripulante feminino a bordo.