O boxeo regresa a Marín da man de Aarón González e Sergio Pintos, oito anos despois da última velada
Por Redacción
Oito anos despois da última velada no municipio, o boxeo volverá a Marín. Aquel día, Aarón González celebrou o seu combate de estrea no parque Eguren. Foi un evento organizado polo ximnasio Mat ´s e congregou máis dun millar de persoas. Despois de todo ese tempo, o campión marinense volverá exhibir o seu talento ante os seus veciños e demostrar toda a experiencia que adquiriu en todos estes anos.
Será no transcurso dunha reunión que terá lugar o sábado 26 de xullo, ás 22.30 horas, no pavillón da Raña e que estará organizada por Rebouras Team e Fight Club Galicia. Terá en fronte o subcampión de Europa de K1 Profesional, o ucraíno Sasha Pindrys. Trátase dun boxeador que chega cunha dilatada experiencia no ámbito do kickboxing e unha gran proxección no boxeo olímpico.
Pero ademais de Aarón González, outro boxeador de Marín estrearase cun combate na casa. Tras o seu debut vitorioso fai pouco máis dun ano, Sergio Pintos volverá aos cuadriláteros para enfrontarse a un boxeador de Noia con experiencia. O deportista marinense asegura estar moi motivado e moi preparado fisicamente para realizar un bo combate diante da súa xente.
O resto de combates que se celebrarán nesta reunión enfrontará a varios campións autonómicos con bos boxeadores vidos doutras comunidades, tanto en categoría masculina coma en feminina.
Rocío Suárez del Rebouras Team enfrontarase a Carolina Canal del Tibet Gijón, dúas boas boxeadores que formularán o primeiro combate da noite. Tras elas debutará o boxeador do club organizador, Steven Castro (Fight Club Galicia), un mozo que fará as delicias do público co seu fantástico xogo de pernas e a súa clase enriba do ring. Enfrontarase a ÿscar Blanco do CAMM de Santiago.
A noite completarase cun duelo de boxeadores xa con máis experiencia como son Israel Benítez do E.B.Canario e Ramiro Brei do CAMM de Santiago, ambos os dous uns guerreiros no ring que non darán un segundo de tregua ao espectáculo. Pola súa banda, J. Ramón Miras (CAMM) enfrontarase a Adriano Moreno do Kontact Sport de Gijón, un dos mellores combates en peso galo que se pode ver no noso país; e Christian González del Rebouras Team verase as caras con Diego Crespo del Club Coralín de León.
Ademais, haberá unha previa co Campionato galego de Boxeo Júnior que estará composto de tres combates que enfrontarán aos mellores boxeadores da comunidade e un combate cadete a portas abertas ao finalizar, xa fóra de velada, que enfrontará a Ydne Subiñas del Rebouras Team e a Vitor Ribeiro do Vitoria de Guimaraes, outro gran combate de dúas novas promesas deste deporte.
A pesaxe dos boxeadores terá lugar ás 18.00 en As vides, detrás da Praza de Abastos, e estará aberto ao público.
As entradas para asistir á velada pódense adquirir en Fogar dos Martínez (Pontevedra) ou nos locais As Vides, Cafe Nao e Five Sport en Marín. Custan sete euros por anticipado e nove na billeteira.