Meritorio oitavo posto do CW Galaico Pontevedra no Nacional Infantil celebrado en Barcelona
Por Redacción
O equipo infantil do Club Waterpolo Galaico Pontevedra volveu de Barcelona cun meritorio oitavo posto no Campionato de España Infantil de Waterpolo celebrado esta fin de semana nas instalacións do CN Sant Andreu. Os pontevedreses lograron facer historia, ao conseguir que por primeira vez un equipo galego pasase a primeira fase e se situase entre os oito mellores equipos do torneo.
Os pontevedreses comezaron o campionato encadrados no grupo D. Debutaron ante o CW Marbella cunha vitoria por 16-13, a pesar de chegar a Barcelona apenas dúas horas antes de xogar o partido. Esa mesma tarde repetiron triunfo, esta vez ante o histórico Real Canoe, ao que sorprenderon cun contundente 17-8. Coa clasificación xa asegurada para os cuartos de final, chegou a primeira derrota. Foi ante o CW Majadahonda por 8-11.
O Galaico foi segundo na fase de grupos e saíu a por todas en cuartos de final. Querían dar a machada e meterse en semifinais a custa do CW Sevilla. Os sevillanos mostráronse superiores dende o principio, chegando a poñerse 6-1 no cuarto período. Pero os pontevedreses non se renderon e pelexaron ata o último suspiro, colocándose a dous goles de distancia. Ao final non lograron meterse na loita polas medallas, ao perder 12-7.
Na loita polo quinto posto o Galaico tivo que enfrontarse a un rival potente, o CN Terrassa. O partido estivo igualado, pero a medida que foron pasando os minutos os cataláns, con moito máis banco, sentenciaron o choque e gañaron 12-5. Para finalizar o campionato, os pontevedreses perderon co equipo anfritrión o CN Sant Andreu por 5-4, debido á fatiga acumulada e aos numerosos lanzamentos a porta fallados.
O CW Galaico Pontevedra celebra, en todo caso, a posición alcanzada grazas a un equipo formado por Xian Barros, Juan José Roca, Martiño Troche, Ángel Castrillón, Abel Dacosta, Eric Tacón, Iago Jimeno, Aarón Tellería, Rubén Rodríguez, Germán Amoedo, Artai Poses, Rodrigo Sobral, Lucas Puy, Alexandre Aboal y Jano Millán, junto con los técnicos Kike García e Javi de Sáa.