Arranca o Pontevedra 2014-2015 con nove caras novas e o compromiso de dicir adeus á Terceira
Xusto hai un mes, o Pontevedra poñía fin á tempada. O Puertollano truncaba entón o soño granate de volver a Segunda B. Trinta días despois, con enerxías renovadas e conxurados para abandonar a Terceira División dunha vez por todas, os xogadores granates iniciaron a tempada 2014-2015. Tras un intenso período de renovacións, saídas e novas fichaxes, tocaba volver aos adestramentos. E notábanse ganas en moitos deles.
Pouco despois das sete da tarde, os xogadores saltaban por primeira vez ao céspede de Pasarón. En total, foron 27 homes os que se puxeron xa ás ordes de Manu Fernández. O técnico pontevedrés contará cun bloque formado por once xogadores que continúan con respecto á tempada anterior, aos que se suman as nove fichaxes desta tempada, os dous últimos, Jacobo Millán e Anxo, presentados esta mesma tarde.
En concreto, o plantel do primeiro equipo do Pontevedra, composto por 20 xogadores, é a seguinte:
- Porteiros: Edu e Sergio Lloves (Villalonga).
- Defensas: Pablo González, David Feito, Capi (Ourense), Alberto Campillo (Ourense) e Adrián Gómez.
- Centrocampistas: Fran Fandiño, Tubo, Jacobo Millán (Compostela), Tomás, Pedro García (Boiro), Adrián Mouriño (Sant Andreu), Kevin Presa, Miguel Centrón (Coruxo) e Anxo (Boiro).
- Dianteiros: Pablo Carnero, Jorge Rodríguez (Rácing de Ferrol), Luismi e Benja.
Ademais, outros sete xogadores farán a pretempada co primeiro equipo. Trátase de Adrián Cascallar, Collazo e Paco, que militan no Pontevedra B; Bruno, Iago e Agus, do conxunto xuvenil; e Abraham, un interior xuvenil que procede do Compostela.
Todos eles se vestiron de curto por primeira vez esta tempada, salvo Luismi que aínda se recupera da operación que sufriu o pasado mes de xuño para solucionar os seus problemas no xeonllo dereito. Espérase que poida retomar os adestramentos dentro de dúas semanas.
A sesión consistiu principalmente nunha pequena charla, tras o cal o equipo realizou unha serie de exercicios físicos e con balón para que o corpo técnico comprobase o estado de forma no que chegan os xogadores tras as vacacións.
Todo iso pensando o primeiro partido da pretempada, que enfrontará ao Pontevedra co Real Valladolid o próximo sábado 26 de xullo, ás 20.00 horas, no estadio de Pasarón.
Relacionadas:
-
Pontevedra - Real Valladolid, partido de "alto nivel" para o XXXVIII Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Chegan Jacobo Millán e Anxo (ex do Boiro), dous centrocampistas que poñen a 'guinda' ao novo Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Jorge Rodríguez e Capi, dous homes experimentados para un proxecto que o Pontevedra cualifica "de 10"
Por Alejandro Espiño |
-
Sergio Lloves, Pedro García e Miguel Centrón, tres xogadores "de garantías" para pelexar polo ascenso
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Alberto Campillo e Adrián Mouriño, dous xogadores cun obxectivo claro: ascender a Segunda B
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |