Joselu, principal ameaza dun Compostela en estado de graza
Por Diego Espiño
José Luís Gómez Pérez, Joselu no mundo do fútbol, está ante a mellor tempada da súa carreira. Tras dous anos en Cerceda, onde anotou 20 goles a pasada campaña, vai camiño de bater todos os seus rexistros.
En 13 xornadas de liga na Terceira División o dianteiro, natural de Ribeira e formado nas categoría inferiores do Celta, marcou xa 16 goles, catro deles de penalti, tan só un menos dos que leva todo o plantel do Pontevedra esta tempada (17), e iso que o xogador compostelán estivo sancionado dous encontros tras a súa expulsión en Betanzos na quinta xornada.
Joselu será o principal perigo para un Pontevedra en busca da recuperación, unha melloría que si experimentou o equipo santiagués no último mes de competición. Dende a destitución de Anxo Casalderrey e a chegada de Fredi ao banco, o Compostela gañou os seus catro compromisos en liga ante Villalbés, Negreira, Céltiga e Narón sen ver perforada a súa portería, ascendendo da décimo terceira praza á terceira na clasificación. En todo eses partidos, o pichichi do grupo viu porta.
Ameaza seria pois para os granates o vindeiro domingo na súa visita ao Estadio de San Lázaro (17:00 horas) e esixente reto, romper a imbatibilidade do equipo santiagués en casa, onde gañaron cinco partidos (Dorneda, Villalonga, Alondras, Villalbés e Céltiga) e empatado un (Deportivo B).