Completo o primeiro autobús de afeccionados granates para o partido de Boiro
Por Ramiro Espiño
Marcha a bo ritmo a reactivación da "Marea Granate" para o transcendental partido que o Pontevedra CF disputará o próximo domingo no campo de Barraña, fronte ao Boiro. Ademais dos numerosos afeccionados que se desprazarán nos seus vehículos particulares, a Asociación de Peñas do Pontevedra Club de Fútbol organiza o desprazamento de seguidores, poñendo disposión daqueles afeccionados que o desexen dous autocares, dos cales xa se completou na mañá do mércores o primeiro deles.
Os devanditos autocares son financiados integramente polo colectivo Acción Granate, polo que a viaxe será totalmente gratuíta para os afeccionados, que unicamente deben facer fronte ao custo da entrada para o partido (10 euros).
Os autobuses sairán dende o Pavillón Municipal dos Deportes ás 12:00 horas do mesmo domingo, con regreso a Pontevedra á finalización do partido.
Aqueles afeccionados que desexen anotarse poderán facelo ata completar as prazas dispoñibles no segundo autobús na cafetaría Blossom (rúa Marquesa) ata o próximo venres en horario de 18:00 a 20:30 horas.
Os organizadores queren facer un chamamento a todos os afeccionados que vaian ao partido, tanto se o fan nos autobuses como polos seus propios medios, para que na medida do posible acudan vestindo camisetas ou bufandas do club, coa intención de que as bancadas do campo de Barraña se tingan de cor granate e os xogadores poidan sentir o apoio dos seus seguidores.