A afección do Pontevedra prepara o seu desembarco en Boiro
Por Diego Espiño
A Asociación de Peñas do Pontevedra Club de Fútbol púxose a preparar xa o desprazamento a Boiro para apoiar o equipo granate no importante partido do próximo domingo (17:00 horas) ante o terceiro clasificado.
O Pontevedra, a falta de tres partidos para a conclusión da liga regular, pode certificar a súa presenza matemática na fase de ascenso en caso de gañar, ademais de manter as súas opcións de lograr a primeira posición, que outorgaría vantaxe no play-off.
Por este motivo a afección lerezana pretende estar presente en Boiro, poñendo disposión dos seguidores que o desexen dous autocares que serán financiados polo colectivo Acción Granate, saíndo dende o Pavillón Municipal dos Deportes ás 12:00 horas do mesmo domingo.
Deste modo os afeccionados que se despracen en autobús só deberán asumir o custo da entrada, de 10 euros.
Os interesados poden anotarse na cafetaría Blossom (rúa Marquesa) ata o próximo venres en horario de 18:00 a 20:30 horas ata completar as prazas.