Empate entre Bertamiráns e Arosa (2-2) que deixa contentos ambos os dous
Por Redacción
Nun campo de gratos recordos, onde o Arosa conseguía o ascenso a pasada tempada, nesta ocasión os arlequinados chegaban cos deberes feitos e pouco que xogarse, fronte a un Bertamiráns que buscaba certificar a permanencia de forma matemática. Ao final todos contentos.
Repartición de puntos que permite aos de Piscis manter a oitava praza con tres de vantaxe sobre o Deportivo B, e aos de Javi Touriño conseguir esa permanencia que, para ser matemática, queda unicamente pendente de posibles arrastres en caso de descensos de Celta B e Coruxo (terían que descender ambos os dous para que o Bertamiráns puidese meterse en problemas).
A primeira parte foi moi nivelada. O Arosa tivo máis chegada, pero faltoulle acerto no remate. Vixo e Nando terían as máis claras, pero non conseguiron superar a Dani.
Tras o descanso o equipo local saíu máis decidido e adiantouse pronto no marcador, por medio de Jesús. Piscis reaccionou ao gol con dous cambios que serían decisivos. Ramón e Rubén entraban por Eloy e Jonathan, e sería o dianteiro de Caldas quen ao pouco de entrar no campo conseguía o empate.
Pero o Bertamiráns tomaba de novo a dianteira apenas dous minutos máis tarde cando unha falta moi protestada polos visitantes, permitía a Otero facer o 2-1, ao rematar no segundo pau.
O Arosa foise arriba de novo e conseguiu empatar nun penalti sinalado polo colexiado, que Pablo Pillado non desaproveita para establecer a igualada definitiva.
Os de Vilagarcía dominaron nos últimos minutos en busca da vitoria, pero sen chegar a crear verdadeiro perigo.
BERTAMIRÁNS FC (2): Dani; Jacobo, Gemelo, Otero, Guti, Iván (Héctor, min. 71), Jesús, Pablo, Astray, Chema (Gustavo, min. 75) e Adán (Álex Blanco, min. 82).
AROSA SC (2): Vila; Santi, Juanjo, Martín, Munín, Rivas, Nando, Pablo Pillado, Jonathan (Ramón, min. 64), Vixo e Eloy (Rubén Martínez, min. 64).
Árbitro: Rubén Extremadura Hernández (Vigo), auxiliado en bandas por Miguel Ángel Pérez Torres e Víctor Manuel Capón Álvarez. Expulsou por dobre amarela a Jacobo, do Bertamiráns (minuto 74) e a Vixo, do Arosa (minuto 81). Amoestou aos locais Pablo e Alex Blanco, e a Eloy, polo Arosa.
Goles: (1-0) Minuto 48: Jesús. (1-1) Minuto 68: Ramón. (2-1) Minuto 70: Outeiro. (2-2) Minuto 76: Pablo Pillado, de penalti.
Incidencias: Campo Municipal de Bertamiráns (Ames). Uns 250 espectadores.