Tarde de traballo para o Pontevedra con amigable e transistores
Por Ramiro Espiño
Tratábase de limar asperezas, de restablecer as ata non fai moito tradicionais boas relacións entre os clubs, rotas por unha desafortunada e censurable acción realizada por quen entón rexía os destinos da entidade granate.
Villalonga e Pontevedra estreitaron lazos cunha xornada na que o campo de San Pedro foi escenario dunha tarde de traballo, cun partido amigable entre ambos os dous equipos, pero con protagonismo especial para os transistores, a través dos cales os xogadores granates que non estaban no cesped, seguían con interese o desenvolvemento dos partidos adiantados á xornada dominical, nos que participaban os seus rivais directos.
Manu Fernández aproveitou para realizar o traballo sobre un escenario de herba natural, circunstancia que, por desgracia, non ten á súa disposición habitualmente. Primeiro cunha sesión de adestramento na que participaron todos os xogadores desprazados, entre os que se encontraban varios do equipo xuvenil. Logo cun partido amigable ante os propietarios do terreo, no que dispuxo de dous equipos moi diferentes en cada tempo.
Foi un ensaio con público. Algo máis dun centenar de afeccionados que acudiron a San Pedro para presenciar un partido de luva branca, no que ningún dos técnicos quixo arriscar máis do imprescindible, conscientes da importancia dos seus respectivos compromisos do próximo domingo.
Polo que respecta aos granates, ausente Kevin Levis, que se desprazou co filial a Lalín, os únicos que non participaron nin un só minuto no partido foron Pedro Crespo, con molestias nos abdutores, Caco, que ten sobrecarga nos xemelgos, e Pablo Carnero, que sofre molestias nos isquiotibiales. Non obstante, salvo complicacións, os mesmos xogadores confirmaban a PontevedraViva que, cun pouco de descanso nesta semana, esperaban chegar en condicións para o partido do domingo.
En canto ao partido, debido ás baixas dos catro xogadores anteriormente mencionados, Manu Fernández dispuxo un equipo no que quedan dúbidas sobre determinadas posicións a cubrir, antes as ausencias por sanción de Pablo Lede, Yago Vázquez, Tubo e Benja.
O técnico aliñou nos primeiros 45 minutos a: Edu; Adrián, Pablo, Miguel, David Feito; David García, Fran Fandiño; Moreira, Benja, Javi Otero; e Luismi.
Pola súa banda o Villalonga formou con Lloves; Gabi, Leo, Cristóbal, Adrián, Cuqui, Antonio, Martín, Saúl, Héctor e Giao.
Foi un primeiro tempo con claro dominio e iniciativa do equipo granate, que dispuxo de dous man a man de Luismi con Lloves, que o meta local conseguiría salvar.
A segunda parte foi máis nivelada. Manu Fernández cambiou a todo o equipo, agás Luismi, mantendo unicamente a cinco xogadores do primeiro equipo: o citado Luismi, con Paco, Yago Vázquez, Pablo Lede e Tubo, aos que acompañaron seis compoñentes do equipo xuvenil.
Os locais, que mantiveron a maior parte do bloque, deron minutos tamén a Manu, Berto, Rafa, Arias, Ramón e Machu, e encontraron a súa recompensa co único gol do partido, conseguido por Manu ao transformar un penalti, sinalado polo árbitro do partido, o pontevedrés Arturo Díaz Álvarez, por un agarrón cometido por Yago Vázquez no minuto 81 de partido.
Mentres os minutos ían pasando, na bancada as miradas e atención dos xogadores granates que foran substituídos, tras pasar pola ducha, estaban pendentes do que sucedía noutros campos de terceira, recibindo con alegría as noticias das derrotas de Boiro e Choco, porque eses resultados permiten aos pontevedreses que, en caso de derrotar o domingo ao Ordes, acceder ao segundo posto da táboa, á vez que descartan outro rival na loita polos postos de play-off.