Tres puntos vitais para o Pontevedra en Negreira (0-1) con suor, sufrimento e en inferioridade
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Se tivésemos que xulgar o partido polo acontecido na primeira parte poderiamos pensar que máis que un partido con tanto en xogo para ambos os dous equipos Negreira e Pontevedra disputaban o clásico "bolo" de pretempada. Tan pouco foi o que fixeron ambos os dous equipos, que se limitaron a ofrecer un pobre espectáculo no que a única emoción estaba no resultado.
Certo que a iniciativa correspondía ao Pontevedra, ao que se lle notaba como un punto máis de calidade, pero nada do outro mundo, que a un rival parapetado atrás, despexando cada balón con contundencia e confiando a súa sorte á falta de acerto granate ou a unha complicada segunda xogada que non chegaba ante a falta de efectivos que se sumaban a posicións ofensivas.
Os granates, cun Pablo Carnero esvaecido e fallón nos controis, parecían depender dun chispazo illado de Javi Otero, o único que ofrecía fulgores de poder achegar algo diferente e positivo. Das súas botas naceron as mellores, aínda que escasas chegadas de perigo.
Dende o minuto 11, en que Benja probaba fortuna de lonxe, mandando o seu remate ao centro da portaría, ata o 26, en que unha gran xogada de Javi Otero remataba con derrubamento de Bautista, cando encaraba ao meta local, reclamando un penalti que o colexiado non apreciou, non pasou absolutamente nada máis que o aburrimento da bancada.
E logo, ata o descanso pouco máis. Outra acción polémica, esta clara, na que o árbitro lle perdoa a segunda tarxeta ao central do Negreira Bautista, por unha cambadela clara sobre Fran Fandiño, que sancionou sen atreverse a expulsar o defensor local.
Era o minuto 41 e tres máis tarde chegaba a mellor ocasión granate, cun gran cambio de orientación de Pablo Carnero a Benja, que dispara con pouco ángulo, pero Diego Penas tapa ben, mandando o balón a córner.
Botábase en falta algo máis de ambición ofensiva por parte de ambos os dous equipos. Un pouco máis de risco para intentar facerse coa vitoria, conscientes de que o empate non servía a ningún dos dous. A pesar diso a segunda parte comezaba sen cambios, nin de homes nin de formulacións.
E nesas estaba o partido cando Benja comete unha "pardillada" respondendo á provocación de Diego Otero (minuto 57). Os dous xogadores encáranse e o local recorre á interpretación teatral simulando unha cabezada que non existiu, deixándose caer "fulminado". O árbitro, que antes perdoara a segunda ao local Bautista, seguindo indicacións do seu asistente amoesta a ambos os dous botando ao granate, que xa estaba amoestado.
Pero cando as cousas parecían poñerse peor, só catro minutos máis tarde, no 61, o Pontevedra encontra nunha acción a balón parado a solución á súa falta de pólvora. Caco lanza unha falta lateral, dende a esquerda, e Pablo Carnero anticípase peiteando de cabeza ante a saída a destempo de Diego Penas.
Tocaba defenderse como gato bandullo arriba. E fíxoo o Pontevedra, que tirou de casta e puxo o cadeado atrás, axudado, iso si, pola inocencia dun Negreira que non conseguiu disparar nin unha sóla vez entre os tres paus en todo o partido.
Gañouse. Sufrindo. Con actitude en canto á entrega, pero sen calidade. Iso si, fíxose en inferioridade, o cal sempre é de destacar, como xusto premio ao equipo que malia ese mal xogo máis fixo por buscar os tres puntos.
SD NEGREIRA (0): Diego Penas (1); Ángelo (1), Amoedo (1), Bautista (1), Gesto (1); Jesús Ramos (1) Gonzalo Suárez (1); Adrián Vázquez (1), Diego Otero (0), Alvarito (0); e David Calo (0).
Sustitucions: García (1) por David Calo, minuto 62. Blanco (s.c.) por Jesús Ramos, minuto 82). Anxo (s.c.) por Alvarito, minuto 82.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Caco (1), Yago Vázquez (2), Pablo (3), Adrián (1); Tubo (1), Pedro Crespo (2), Fran Fandiño (1), Javi Otero (2); Benja (0) e Pablo Carnero (2).
Sustitucions: David García (1) por Fran Fandiño, minuto 73. Luismi (s.c.) por Javi Otero, minuto 80. Kevin Levis (s.c.) por Pablo Carnero, minuto 85.
Árbitro: José Manuel Cives Enjo (A Coruña), auxiliado nas bandas por Méndez Castro e Domínguez Manteiga. Expulsou por dobre amoestación a Benja (minuto57). Amoestou a Bautista, Amoedo, Ángelo e Diego Otero, polo Negreira, e a Tubo e Yago Vázquez, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 61: Pablo Carnero.
Incidencias: Campo Xesús García Calvo (Negreira). Uns 450 espectadores, con numerosa presenza de seguidores pontevedreses.
VESTIARIOS:
JOSÿ ANTONIO CAMBÿN: O adestrador local queixábase de que un erro puntual lles custara o partido: "Deportivamente non foi un partido agradable para nós, porque non fixemos ningún punto. O Pontevedra aproveitouse dunha falta mal defendida cando nós o estabamos a facer mellor para marcar o seu gol e despois defensivamente estivo moi ben, con moita orde, e aínda que intentamos chegar arriba faltounos o último pase e o remate".
"Non creo que fose un partido malo. Foi moi disputado. Con moito respecto os dous equipos, pero a pelexa no centro do campo foi tremenda. Quizais non houbo xogadas vistosas nas áreas. Sabiamos que o Pontevedra tiña moita fortaleza a balón parado, comentámolo durante toda a semana, pero despistámonos nese momento do partido no que houbo a expulsión e se nos foi. Logo foi un querer e non poder pola nosa banda".
MANU FERNÁNDEZ: Satisfeito, pero aínda co susto deixándose notar no seu xesto, o técnico pontevedrés expresábase así: "Ao final o que conta nesta historia son os puntos, e estamos moi contentos por iso. Foi un partido moi disputado, moi traballado, moi sufrido, pero son tres puntos de ouro para nós que nos achegan un pouquiño máis ao noso obxectivo. Creo que na primeira parte tivemos opcións, xeramos algunhas ocasións e chegamos varias veces xogando por fóra, pero logo con dez tivemos que regular o esforzo para chegar ao final enteiros".
Manu Fernández: "A expulsión de Benja paréceme unha broma. Diego Otero tírase o chan"
"Hoxe xogamos 40 minutos con dez xogadores mantendo a portaría a cero e conseguindo un gol. Hoxe volveuse ver que nesta categoría case sempre o que marca primeiro gaña. Se teño que valorar a expulsión de Benja paréceme unha broma. Así, literalmente. Estou ao lado da xogada. Diego Otero fai unha falta que non ten sentido cando o árbitro xa pitara. Logo encáranse e tírase ao chan. ÿ o que nos vén pasando nos tres últimos partidos fóra de casa, quedar con dez, e non sei moi ben o motivo. Vós poderedes valoralo, pero a min paréceme que para deixar un equipo con dez xogadores hai que facer algo máis do que fixo Benja".