Unha polémica arbitraxe frea o Pontevedra que cae (2-0) ante o Deportivo B en Abegondo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Paso atrás do Pontevedra. De novo, a cidade deportiva de Abegondo non foi un campo propicio para os intereses granates. O Deportivo B quedouse cos tres puntos tras derrotar aos pontevedreses por 2-0. Foi nun encontro moi condicionado pola acción arbitral. Os dous goles, un tras un penalti inexistente e outro que parte dun protestado fóra de xogo, víronse envolvidos na polémica
Nos primeiros compases do partido, o Pontevedra controlaba o balón e mostrábase ben situado no campo, pero malia iso o seu xogo apenas tiña profundidade. Tampouco o Deportivo B fíxoo moito mellor, malia asinar máis posesión que os granates na primeira parte. Sen brillantez algunha, tímidas ocasións por ambas partes fixeron traballar aos porteiros dos dous equipos, pero sen crear sensación de perigo.
No medio desa monotonía chegaba a primeira xogada polémica do partido, que resultaría clave para o resultado final. Era o minuto 31 da primeira parte. Ata entón non acontecera practicamente nada salientable e o xogo movíase entre a lenta circulación de balón dos herculinos, con larguísimas posesións, e a ordenada defensa granate, que non pasaba angustias.
Un centro sen perigo de Cardoso daba na perna de Yago Vázquez e o árbitro pitaba penalti a favor do Deportivo B por estimar man do central. Unha acción, en calquera caso, completamente involuntaria que nin sequera reclamaron os xogadores coruñeses. Remeseiro foi o encargado de lanzar a pena máxima e, enganando a Edu, marcaba o 1-0. Con ese resultado chegábase ao descanso, a pesar dunha boa ocasión de Tubo xa no desconto, que estrelaría no corpo de Stefan.
Tras a reanudación, o Pontevedra saíu con máis ambición. En só cinco minutos demostraron máis perigo que en toda a primeira parte. Primeiro cun remate de Pedro Crespo que marchou fóra por moi pouco, e despois tras un disparo de Pablo Carnero. Pero o Deportivo B non quedou de brazos cruzados e pouco despois asustou aos granates. Foi cunha contra de Lemos, que marchou en velocidade. O seu disparo, moi forzado, detívoo Edu sen problema.
Manu Fernández, buscando maior potencial en ataque, deu entrada a Kevin Levis e Luismi. Pero a partir de aí, o protagonista volveu ser o árbitro. Primeiro ao ignorar un posible penalti por mans de Stefan, unha xogada similar á que si sancionou de Yago Vázquez, minuto 67. Pero sobre todo polo segundo gol do Deportivo B, dous minutos máis tarde, cando Remeseiro arranca en probable fóra de xogo, e se a pon en bandexa a Lemos, para que marque porta baleira.
Por se os graves erros arbitrais non fosen suficientes, o colexiado vigués deixou o Pontevedra con 10, no minuto 72, tras unha desproporcionada tarxeta vermella directa para Pablo Lede, por unha entrada sobre Cañi.
Tras esta xogada pouco máis partido houbo. O Pontevedra intentou sen éxito recortar a desvantaxe e o Deportivo B aínda puido aumentar o resultado aproveitando algún contraataque que chegou á área granate con perigo, especialmente nun posible penalti de Adrián Gómez sobre Remeseiro, e unha man a man de Adrián (minuto 89) que Edu salva co pé.
A pesar da derrota, o mellor da xornada para os granates foron os resultados dos seus rivais, que non sacaron demasiado partido do tropezo pontevedrés, manténdose no terceiro posto con 59 puntos, a tres do Boiro, que segue líder da Terceira División.
DEPORTIVO B (2): Marc Martínez (1); Cañi (1), Sidibé (2), Stefan (2), Aarón (2); Queijeiro (2); Lemos (1), Adrián (2), Romay (1), Cardoso (1); e Remeseiro (2).
Substitucións: Callón (1) por Lemos, minuto 70. Dani Iglesias (s.c.) por Adrián, minuto 77. Ángel (s.c.) por Cardoso, minuto 83.
PONTEVEDRA CF (0): Edu (2); Adrián Gómez (1), Yago Vázquez (2), Pablo (2), David Feito (2); Pedro Crespo (1), David García (1); Tubo (1), Pablo Lede (1), David Pérez (1); e Pablo Carnero (1).
Substitucións: Luismi (1) por David Pérez, minuto 62. Kevin Levis (1) por David García, minuto 62. Moreira (s.c.) por Tubo, minuto 76.
Árbitro: Miguel Ángel Pérez Cabaleiro (Vigo), auxiliado nas bandas por Vázquez Martínez e Martínez Barcia. Expulsou con vermello directo a Pablo Lede (minuto 72). Amoestou a Aarón, polos locais, e a Tubo, polos pontevedreses.
Goles: (1-0) Minuto 32: Remeseiro, de penalti. (2-0) minuto 69: Lemos.
Incidencias: Cidade deportiva "O mundo do fútbol" (Abegondo). Uns 800 espectadores.
VESTIARIOS:
JOSÿ LUIS DEVESA: Non quixo pronunciarse o adestrador herculino sobre as xogadas polémicas e a actuación arbitral: "Na xogada do penalti non o sei. Pita man pero non podo dicir se é unha man clara ou non. A do fóra de xogo que eles reclaman si que che podo dicir que non o é porque hai un xogador que habilita o noso. Pero son situacións que non variaron o partido, e ademais o Fabril estivo mellor, foi superior".
"Do penalti que reclaman dígoche o mesmo que do penalti a favor, non sei se é man ou non. Son situacións que pasan, tamén a nós o outro día nos pitan un penalti en contra en Barbadás moi rigoroso. Son lances do xogo e é o que nos queda cando o marcador non é favorable, patexar e nada máis. Os dous equipos estiveron serios e disciplinados en defensa. Foi un partido moi disputado, moi intenso polos dous equipos".
Manu Fernández: "Cando pasan estas cousas hai un sentimento de impotencia. Yago Vázquez dime que non é man"
MANU FERNÁNDEZ: Aínda que intentaba conterse para non cargar tintas contra o colexiado, era evidente que o adestrador granate non podía por menos que queixarse das decisións arbitrais: "Enfadado, claro, porque os xogadores fixeron un esforzo inmenso e están cunhas caras no vestiario que te podes imaxinar. Cando pasan estas cousas hai un sentimento de impotencia e iso é o peor que lle pode pasar a un xogador, que crea que por factores externos á súa actuación se deciden os puntos,".
"Yago Vázquez dime que non é man. A que hai na área deles é a diferenza. Se pitas unha tes que ter o mesmo criterio para a outra. Todo o mundo viu o que pasou e que saque as conclusións que teña que sacar. Pablo Lede comete unha falta fóra de lugar, pero non é aleivosa, pero xa sabemos que os árbitros ás veces non teñen esa man esquerda que podemos ter os demais"