Pablo Vázquez, despedido do Ribadumia
Por Diego Espiño
O Ribadumia aposta pola substitución no banco. A xunta directiva do clube anunciou a destitución de Pablo Vázquez como adestrador do primeiro equipo ante uns resultados que consideran insuficientes.
Despois de lograr a pasada tempada a mellor clasificación da historia aos mandos do adestrador pontevedrés, un cuarto posto no grupo sur da Rexional Preferente, a esixencia para este curso era estar na parte alta da táboa, como recoñece o vicepresidente do club Manuel Mougán, "la exigencia no era ascender pero sí estar arriba. Los resultados están ahí, si perdemos el próximo domingo nos metemos en la zona de peligro".
O voceiro da directiva recoñece que a decisión non se tomou unanimemente pero si por maioría de membros da xunta. Mougán ademais expresou o seu agradecemento a Pablo Vázquez polo traballo realizado no banco de A Senra, "son decisiones que cuestan mucho tomar. La trayectoria el año pasado fue impecable, Pablo como persona es un 10, muy trabajador pero los resultados no acompañan y creemos que la plantilla necesita un revulsivo para estar arriba, que es donde pensamos que tiene que estar".
O Ribadumia ocupa o decimoterceiro posto logo de tres meses de competición con 15 puntos, a nove da zona de ascenso e a sete da de descenso directo. As dúas últimas derrotas na cancha do Atios e na casa ante o Unión Grove foron o detonante da drástica decisión.
A directiva do clube empezou xa a reunirse con posibles candidatos ao posto. A lista, segundo confirma o vicepresidente, redúcese a tres nomes cos que sentarán a negociar nas próximas horas.