A Gimnástica, presente no Nacional Xuvenil e de Veteráns baixo teito
Por Redacción
Cinco atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra desprazaranse este fin de semana ao Campionato de España Xuvenil en Pista Cuberta, que se celebra no Velódromo Luis Puig de Valencia.
Os deportistas do club pontevedrés que lograron a marca mínima para o Nacional chegan con "serias posibilidades de medalla", segundo sinalan dende a Sociedad.
Ángel Vargas participará nos 60 e os 200 metros lisos, Alfonso Pérez nos 400 metros, Jorge Puig farao nos 1.500, Darío Costas completará o Héptatlon e Elvira Okutu competirá no salto de lonxitude.
Pola súa banda Javier Gúzmán será o único representante do club lerezano no Nacional de Veteráns en Zaragoza, tamén baixo teito, na disciplina de lanzamento de peso de maiores de 35 anos.
MARC TUR BUSCA OUTRO OURO EN MARCHA
Tras impoñerse fai escasa datas no Campionato de España de Marcha en Ruta na distancia de 35 quilómetros, o atleta da Gimnástica Marc Tur busca este fin de semana repetir experiencia nos 20 quilómetros.
Granada será a sede do evento, no que Tur terá de novo como rivais atletas como Álvaro Martín, Luis Alberto Amezcua, Mikel Odriozola ou o veterán García Bragado.