Ampla representación da Gimnástica no Campionato de España de pista cuberta
Por Redacción
Oito atletas da Sociedad Gimnástica desprázanse este fin de semana a Sabadell para tomar parte no Campionato de España Absoluto de Pista Cuberta, na súa 50 edición.
Dous días de competición, sábado 22 e domingo 23, nas que a delegación pontevedresa terá algunha opción de medalla no seu obxectivo de repetir o resultado das tres últimas tempadas, nas que logrou un metal.
A máis clara, segundo o club lerezano, será a de Julián Ortiz nos 60 metros valos, despois de correr en 7.98 o pasado fin de semana para situarse no terceiro posto do ranking nacional. Acompañarao na mesma proba David Alejandro.
Iván Maceiras loitará tamén por subir ao caixón en lonxitude co quinto mellor rexistro dos participantes, mentres Lysvanys Pérez buscará achegarse ás súas mellores marcas en triplo salto e altura, coincidindo nesta última disciplina con Manuel Molinos.
Completan a expedición Eduardo Suárez e Sergio García nos 800 metros e Santi Ferrer, repescado para a proba combinada do Heptatlón.
Entre as ausencias destaca a de Alberto Salcedo, campión dos 200 metros hai un ano e que non poderá defender o seu título por lesión.