Os mellores gravados de Picasso chegan, en exclusiva, ao Café Moderno
Por Anxo Lourido
"Los grabados se han seleccionado expresamente para esta ciudad y para este proyecto y no va a ir a ningún otro sitio fuera de aquí" desta forma garantía José María Luna, director da Fundación Picasso-Museo Casa Natal, a exclusividade da mostra que se pode visitar ata o 20 de xaneiro de 2013 no edificio do Café Moderno.
A exposición divídese en catro temáticas: naturezas mortas; grupos femininos; rostros e figuras surrealistas e mulleres observadas. Son obras que percorren tres décadas, entre os anos 30 e 50, con motivos recorrentes na produción picassiana. Trátase de 62 gravados escollidos pola relevancia desta técnica artística en mans do autor do Guernica.
Todos os xoves haberá unha visita guiada aberta ao público mentres que o resto de xornadas haberá talleres de gravado para nenos e tamén para persoas maiores. Xa na primeira semana, a mostra será visitada por escolares de, entre outros centros, Lourido, Toural, do Colexio Doroteas, do Álvarez Limeses e da Asociación Juan XXIII.
A exposición Picasso. O equilibrio e a vertixe é froito dunha colaboración institucional entre ENCE, Novacaixagalicia e a Fundación Picasso, Museo Casa Natal.
Durante a presentación, Antonio Casal, director do centro de Operacións de ENCE en Pontevedra, insistiu en que a través destas actuacións a empresa quere manterse como un bo veciño de Pontevedra e, neste sentido, citou a Castelao e a Bóveda, dous referentes do nacionalismo, de quen dixo "crían no potencial da industria forestal en Galicia".