Daniel González, un pontevedrés de 19 anos, presenta "Pesadillas del futuro", a súa primeira novela
Por Redacción
Ten apenas 19 anos e acaba de publicar a súa primeira novela. Trátase do escritor pontevedrés Daniel González Pérez. Tras dous anos de traballo presenta Pesadillas del futuro, unha trepidante historia apocalíptica coa que pretende atraer aos amantes do xénero. "Comencé a escribirlo como simple pasatiempo y poco a poco se fue convirtiendo en un trabajo más", recoñece. Tanto que acabou escribindo máis de 300 páxinas.
Pesadillas del futuro, editada e autopublicada a través da páxina web www.lulu.com, narra a historia de Soul e os seus amigos por un mundo devastado e post-apocalíptico. Daniel González describe este traballo como unha novela cargada de acción, aventura, fantasía e con certos tons de suspense. "Es una cruda visión del desastre que nos podría ocurrir a los humanos en el peor de los casos", explica este mozo pontevedrés.
Argumento: 2067, a Terra deixou de existir tal e como a coñecemos. A supervivencia ábrese camiño entre o caos, o vandalismo e a anarquía. Non existen leis, non existen normas. Cidades reducidas a cascallos, desolación nos camiños, futuro incerto. Os humanos perecen entre destrución e guerra, xa nada queda do que un día foi o seu acolledor fogar... tan só morte.
Un mozo chamado Soul iniciará unha viaxe xunto ao seu mellor amigo en busca de respostas e vinganza, que cambiará por completo as súas vidas. Unha frenética e acelerada carreira pola supervivencia, e uns misteriosos pesadelos que deberá combater para ver saír a luz do sol un día máis.
Apaixonado da escritura, os videoxogos, a arte, a música e o cine, Daniel González explica que "durante mucho tiempo dudé que hacer con el libro una vez terminado". Asegura que "quería poder tenerlo en mis manos y quería que los demás lo tuviesen en las suyas", pero entendía que as dificultades actuais no mundo editorial pechábanlle moitas portas. Por iso é polo que optase pola autoedición.
O libro pódese adquirir a un prezo de doce euros na súa versión física e de tres euros no seu formato para eBook.