O 'volcán' de The Right Ons entrará en erupción o 1 de febreiro na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
The Right Ons é unha das novas bandas de rock mellor consideradas do panorama musical español. Tras tres discos no mercado, hai apenas un ano anunciaron un "novo rumbo". Fano co seu novo traballo discográfico, "un puñetazo na mesa", segundo recoñecen os membros desta banda, formada por músicos galegos e madrileños. As súas novas cancións soarán o próximo 1 de febreiro, ás 22.30 horas, na Sala Karma.
Chegan con Volcán (Warner, 2013), o seu cuarto disco e o primeiro en castelán. A diferenza dos anteriores, gravados no Porto de Santa María e en Boston, este novo álbum saíu do Lower Side Studios (Madrid). Nel, The Right Ons afiaron as guitarras e sacáronlles punta, introducindo máis rock nun son que se caracterizou polas súas influencias soul funk. Todo iso para completar, segundo a crítica, o seu mellor disco ata a data.
The Right Ons, formada por Álvaro Guzmán (voz, guitarra), Ramiro Nieto (batería), Rafa Fernández (guitarra), Juan Rodo "Utah" (baixo) e Martín Muñiz (teclado), levan en activo sete anos - en 2007 editaron o seu primeiro traballo 80.81 - e nese periodo fixo grandes cousas; xiras por medio mundo, grandes críticas e unha lexión de seguidores. Os seus discos foron publicados en EEUU, Canadá e Xapón e distribuídos en todo o mundo.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 12 euros por anticipado e 15 euros na billeteira, pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeño Karma e www.atrapalo.com.