Lores, Louro, Moreira e Casalderrey, virtuosos da aspiradora no seu debut coa Banda de Música
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
A Banda de Música de Pontevedra (BMP) ofrecía o seu Concerto de Nadal este luns 30 no Teatro Principal coa presenza de catro improvisados músicos sobre o escenario. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e os voceiros municipais do PSOE e do PP, Antón Louro e Jacobo Moreira, acompañados pola escritora Fina Casalderrey, convertéronse nas estrelas desta cita musical logrando adaptarse á banda co son que lograron sacar dun instrumento tan orixinal como unha aspiradora doméstica.
O recital comezou cunha peza da traxedia lírica 'Norma' de Vincenzo Bellini para, que a continuación, os catro músicos debutantes ofreceron ante o público que abarrotaba o aforamento do Principal os seus dotes artísticos interpretando 'A Grand Grand Overture' de Malcom Arnold, unha divertida obra orquestral para banda e catro aspiradores.
Nun ambiente festivo desenvolveuse o resto do concerto da BMP, dirixida por Juan Lois Diéguez, que o próximo venres 3 iniciará as actuacións de 2014, ano no que se celebra o seu 110 aniversario, cun recital no que participarán as solistas Ana Laíns e Rosa Cedrón. Será ás 21.00 horas no Teatro Principal.