Amplían as visitas guiadas a 'Sopros do Nadal' ante o éxito de público
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ampliou en dúas xornadas as visitas guiadas á mostra 'Sopros de Nadal' que se desenvolve no Sexto Edificio do Museo ante o éxito de asistencia a esta exposición con 1060 persoas que participaron nesta actividade.
Este millar de visitantes súmanse ás 4.500 que, de xeito individual e sen guía, se achegaron ata a mostra na que se poden ver 400 adornos de árbores de Nadal elaboradas artesanalmente en cristal soprado por expertos vidreiros centroeuropeos.
Colexios, asociacións e ludotecas ademais de moitas familias acoden para considerar a beleza destes adornos. Nas seis visitas guiadas programadas nas tardes do sábado, foron 110 as persoas que participaron, ás que se suman 725 escolares de diferentes colexios da provincia que acudiron en visitas concertadas, e outras 225 persoas de asociacións e ludotecas de Nadal. Ante esta elevada demanda, programáronse tamén visitas guiadas para o xoves 2 de xaneiro e para o 9 de xaneiro. As visitas serán ás 17.00 horas.
A mostra permanecerá aberta ata o sábado 12 de xaneiro.