Un programa amplo, variado e cheo de creatividade seduce a centos de persoas na segunda xornada do Culturgal
Xa por tradición o sábado do Culturgal soe ser o día grande do encontro da cultura galega. Pero nesta ocasión, superáronse todas as expectativas. Centos de persoas achegáronse ata o Recinto Feiral para gozar co programa amplo, variado e cheo de creatividade que logrou xuntar a organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia na súa segunda xornada. Todo un éxito que demostra o bo momento do sector cultural galego.
Boa parte das editoriais e das producións discográficas recentes tiveron no Culturgal o seu lugar de presentación e o seu primeiro encontro co público. A todos eles sumáronse ducias de iniciativas orixinais e moitas sorpresas que debuxaron o panorama da nosa cultura. Manuel Rivas, Teresa Moure, Uxía, Pedro Feijóo, Diego Ameixeiras ou Caxade estiveron no Pazo da Cultura nunha xornada que tivo como peche o concerto de Kepa Junquera.
Na xornada da mañá, xunto coa presentación da nova edición de Cantos na Maré, a música estivo presente coa estrea do novo disco de Lydia Botana, que fusiona pop, rock e reggae, ou a de Dança dos Moscas, o novo disco de Caxade. Tamén puidemos gozar co novo espectáculo de Davide Salvado, O ladrón de amorodos; ou coa proxección de A tropa de trapo, nominada aos Premios Goya 2011 como mellor longametraxe de animación.
Ademais, Kalandraka presentou o libro-disco CoraSons, Urco Editora fixo o propio co libro colectivo Contos no nicho e coñecimos varios proxectos na Internet como Memorias de Sada, no que sete veciños reúnen o arquivo fotográfico da vila, o www.agasallo.eu, unha plataforma de propostas de regalos en galego que promove a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua.
Xa pola tarde, a Revista Luzes, dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, presentouse recén saída do prelo. Outras novidades editoriais que se presentaron no marco do Culturgal foron o libro colectivo O Crânio de Castelao, Eu violei o lobo feroz de Teresa Moure, O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila, Acordes naúfragos de Antón Riveiro Coello, A memoria da choiva de Pedro Feijoo ou Matarte lentamente de Diego Ameixeiras.
O fenómeno das webseries protagonizou o programa no Espazo Cinema, cun maratón de oito producións: Fame, PIB, Clases de lo social, El Quid, Angélica e Roberta, Entre pipas, El viudo quiere mimos e Canillejas. Varios encontros do sector editorial, conferencias, mesas redondas e demostracións das empresas que forman parte da iniciativa Estruming Days completaron a programación desta segunda xornada do Culturgal.
O Cultugal continúa este domingo cunha chea de actividades culturais.