141 actividades para gozar durante tres días en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais
Por Redacción
Durante tres días, dende este venres 29 ata o domingo 1 de decembro, o Recinto Feiral convértese nun macroescenario de preto de 150 actividades de carácter cultural. Desenvólvese a sexta edición da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, o espazo de exhibición de todo o que se move nas empresas culturais galegas.
Xulio Amigo, presidente do Culturgal, indicou durante a inauguración á que asistiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que "esta Feira debe ampliar e intensificar a relación co público e atraer visitas de lugares máis distantes".
Nesta ocasión, unha das novidades céntrase na busca de implicación por parte do público. Como en todas as edicións anteriores, a entrada é libre pero existe a posibilidade de converterse en asistente colaborador achegando unha entrada voluntaria por un prezo de 3 euros que proporciona unha chapa que distingue a estes patrocinadores individuais.
Setenta empresas danse cita no evento deste ano e ofrecen diferentes propostas relacionadas coa lectura, a música, artes plásticas ou audiovisuais.
O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, indicou na súa intervención inaugural que "se abre unha nova era a prol do desenvolvemento" e mostrou o seu apoio á filosofía da responsabilidade compartida que se vive no Culturgal. Durante a súa intervención, o conselleiro incidiu na importancia deste encontro, ao que se referiu como "emblema común para a posta en valor e a promoción da nosa industria cultural e creativa" e como "espazo idóneo para o lecer, a difusión, a venda, a presentación pública, a reflexión, o tecido de alianzas estratéxicas, o intercambio de coñecemento e o encontro entre artistas, creadores, profesionais e públicos e composición diversa".
Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que "a cidade valora a vida que existe tras a industria cultural" que ofrece un programa amplo e variado ao longo destes tres días con actuacións teatrais, presentacións de libros e concertos como o que este sábado ofrece Kepa Junquera presentando o seu último traballo, Galiza.