Os escolares da cidade do Lérez dedican esta semana á Ciencia
Por Redacción
A Sociedade de Ciencias de Galicia, o Liceo Casino de Pontevedra, a Misión Biolóxica de Galicia e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, con motivo do "Ano Internacional da Auga", organizan a Semana da Ciencia 2013 co obxectivo de fomentar nos estudantes o uso responsable e sostible da auga.
Este luns 11 de novembro, abríronse ao público no Liceo Casino de Pontevedra as exposicións do concurso escolar "A Auga" e "A Esfera da Auga".
As exposicións, de entrada libre e con horario de visita de 10 a 22 horas, permanecerán abertas ao público ata o venres 15 de novembro.
"Ao igual que en 2011 e 2012, cando organizamos outros concursos escolares de debuxo acerca das conmemoracións científicas, a resposta da comunidade educativa a esta iniciativa foi moi boa e recibimos debuxos tanto de centros públicos coma de centros privados", explica Antonio De Ron, profesor de investigación do CSIC na MBG e promotor do certame.
En total, recibíronse 262 debuxos de 16 centros de ensino das provincias da Coruña, Pontevedra e da comunidade de Madrid e todos están expostos no Liceo Casino.
"Hai debuxos acerca das posibilidades para aforrar auga no uso doméstico ata a vida no mar e a contaminación das augas", destaca Antonio de Ron.
O xurado fará público o seu fallo o venres 15 de novembro ás 19.00 horas nun acto no Liceo Casino ao que asistirán os alumnos participantes e representantes das institucións organizadoras.