Cando o son é o centro da investigación artística, Vertixe Sonora Ensemble
Por Mónica Patxot
A música en diálogo coa arte, coa ciencia e co pensamento contemporáneos é o eixo arredor do que se configura Do Audible, unha proposta de Vertixe Sonora Ensemble e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O ciclo que arrancou en xuño na Coruña e Ourense, chegou á Facultade de Belas Artes cun programa musical ao redor da natureza titulado "O son natural".
O concerto contou coas explicacións divulgativas e amenas do musicólogo Emilio Lede e a participación do escultor Fernando Casás, cuxa obra é un exemplo dos vínculos artísticos coa contorna natural.
Vertixe Sonora interpretou pezas de compositores tan novos como recoñecidos: Esaias Järnegard , Alexander Khubeev, Jose María Sánchez Verdú e Jacobo Gaspar. Precisamente este último, nacido no concello de Mos en 1975, ven de recibir o Premio Especial e o Premio do Público no prestixioso Premio internacional de Composición Isang Yun 2013.