Pony Bravo presentan en Pontevedra o seu terceiro disco e encherán a Sala Karma co seu rock satírico
Por Redacción
O grupo andaluz de pop, Pony Bravo, viaxa a Galicia esta semana para dar tres concertos. Veñen presentar o seu terceiro traballo discográfico, De palmas y cacería. Farano en Ferrol, A Coruña e Pontevedra. No caso da nosa cidade, o concerto será este venres 8 de novembro, ás 22.30 horas, na Sala Karma. Alí soará o seu inclasificable estilo, cheo de continuos experimentos 'rockeiros'.
Pony Bravo é un grupo de rock formado por Daniel Alonso, Pablo Pena, Darío del Moral e Javier Rivera. O grupo creouse en Sevilla en 2006. Ata a data editaron tres discos: Si bajo de espalda no me da miedo (El Rancho, 2008), Un gramo de fe (El Rancho, 2010) e o novo De palmas y cacería (El Rancho, 2013). Todos os seus traballos son producidos por Raúl Pérez en La Mina (Sevilla) e son editados baixo licenzas Creative Commons.
En De palmas e cacería ven a luz nove novos temas, entre os que se atopan El político neoliberal, cuxo divertido videoclip serviu de adianto do disco. Acompáñanlle Mi DNI, Cheney, Eurovegas ou a Guajira de Hawaii, unha homenaxe de ida e volta ao gran Pepe Marchena. Ata se atreven a electrificar uns tientos morunos de Beni de Cádiz en Zambra de Guantánamo.
Como en traballos anteriores, o humor e a sátira son unha constante no imaxinario colectivo de Pony Bravo tanto a nivel musical como visual, apoiados con novas fotomontaxes e carteis de Daniel Alonso, letrista e voz do grupo.
Este novo disco conta coa participación de colaboradores que veñen sendo habituais do grupo: Celia Macías (fotografía), Manuel León (que realizou a portada do disco e ademais participou nos arranxos da Guajira de Hawaii); e o produtor Raúl Pérez, responsable do son do grupo desde o seu estudo La Mina (Sevilla). Neste novo traballo, incorpórase o cantaor Niño de Elche, achegando as guitarras españolas e coros que aparecen en Turista ven a Sevilla, canción que abre De palmas y cacería.
Neste disco volvemos notar as influencias de Pony Bravo, que xiran en torno ao rock andaluz dos 70, con grupos de referencia como Triana ou Veneno; grupos nacionais como Radio Futura e Derribos Arias; sen esquecer a grandes mestres do rock andaluz como Silvio. Centrándonos noutras músicas, discos de Le Perry, King Tubby, Burning Spear, Can, Talking Heads, Devo, Captain Beefheart, Pere Ubu ou o gran Fela Kuti óense continuamente no seu local de ensaio.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 10 euros, pódense adquirir en Pequeño Karma, La Casa Winchester e www.ticketea.com.