O ciclo "Do Audible" chega a Pontevedra cunha proposta musical ao redor da natureza
Por Redacción
A música en diálogo coa arte, coa ciencia e co pensamento contemporáneos é o eixo arredor do que se configura "Do Audible", unha proposta de Vertixe Sonora Ensemble e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo que arrancou en xuño na Coruña e Ourense, chega agora á Facultade de Belas Artes cun programa musical ao redor da natureza titulado O son natural.
O concerto, que se celebrará o mércores 6 de novembro ás 20.00 horas, contará ademais coas explicacións divulgativas e amenas do musicólogo Emilio Lede e a participación do escultor Fernando Casás, cuxa obra é un exemplo dos vínculos artísticos coa contorna natural.
Esaias Jarnegard presentará a súa peza Hard, unha palabra que fai referencia ao fogar e na que o compositor concibe o son "coma unha estancia, unha existencia, unha extensión no espazo definido polos corpos". O saxofón, a guitarra eléctrica e a percusión son os instrumentos dos que botará man o compositor sueco. Un contrabaixo e un piano precisará Alexander Khubeev para tocar eARTh, unha obra na que toma como referencia as principais ideas do land art empregando "material sonoro máis nativo e próximo á natureza", explica o ruso.
Pola súa banda, o pontevedrés Jacobo Gaspar, que ven de recibir o Premio Especial e o Premio do Público no prestixioso Premio internacional de Composición Isang Yun 2013, presentará Sombras de inverno e o andaluz José María Sánchez Verdú ÿxido, una obra da que o seu autor di que "a base metafórica principal nace da oxidación como proceso, sendo a guitarra eléctrica a que desata tal proceso irreversible dende a súa aparición ata o final da peza".
Vertixe Sonora Ensemble é un dos colectivos máis destacados na súa aposta pola nova música contemporánea e pola súa divulgación entre públicos amplos. Desde hai dous anos Vertixe Sonora leva a cabo dentro do país un traballo en dobre dirección: por unha banda, ofrécelles aos compositores novos unha plataforma para desenvolver os seus proxectos; e, por outra, crea e procura a fidelización de novas audiencias para a música contemporánea.
En Vertixe Sonora, colaborador habitual do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, conflúen artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xentes do teatro e da danza. Neste caso, a súa formación estará composta por Pablo Coello (saxofón), Thomas Piel (violonchelo), Carlos Méndez (contrabaixo), Rubén Barros (guitarra eléctrica), Diego Ventoso (percusión) e David Durán (piano).