Rosalía de Castro e os seus coetáneos e a música de Monteverdi marcan o inicio do curso no conservatorio
Por Redacción
O curso 2013/2014 do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga xa está en marcha. Fíxoo co seu tradicional concerto inicial. Nel, reestreouse o ciclo de cancións en galego, Línguas a Rosalía, catro cancións sobre textos de poetas e poetisas románticos contemporáneos de Rosalía de Castro: William Blake, Emily Dickinson, Victor Hugo e Mary Wollstonecraft Shelley.
As cancións, traducidas por Teresa Bermúdez e Manuel F. Vieites, foron musicadas por catro compositores galegos: Carlos Cambeiro, José Luis Carro, Juan Durán e José Luis Pedrosa.
O ciclo foi un encargo do conservatorio en conmemoración da efeméride coincidente do 150 aniversario da súa fundación e da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Foi estreado por vez primeira nun concerto realizado no Museo de Pontevedra o pasado mes de maio.
O concerto completouse cunha selección de obras vocais de Claudio Monteverdi con acompañamento de instrumentos de época (século XVII).
A interpretación en ambos os dous casos correu a cargo de profesores e alumnos do propio conservatorio pontevedrés.
A este concerto inaugural acudiron, entre outras autoridades, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.