Miriam Díaz-Aroca e Belinda Washington, viúvas negras en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Fundación Novacaixagalicia achega á cidade de Pontevedra a comedia Ni para ti, ni para mí, un texto de Juan Luis Iborra e Sonia Gómez interpretado por Miriam Díaz-Aroca e Belinda Washington. A función chega o día 19 á cidade pontevedresa ás 20.30 horas no Centro Social da entidade.
Ni para ti, ni para mí con texto de Juan Luis Iborra e Sonia Gómez e con Miriam Díaz-Aroca e Belinda Washington no elenco, conta, dende o punto de vista da comedia, unha historia de intrigas, traizóns e herdanzas que levará o público a escachar coa risa.
Dúas mulleres acaban de sufrir unha perda irreparable. A dúas ficaron viúvas. No tanatorio, cando van recoller as cinsas, descobren que non só comparten a pena por ter perdido ao seu home, senón que ademais o defunto é o mesmo: estiveron casadas co mesmo home e só hai un quilo de cinsas a repartir entre as dúas. A pena inicial convértese en rabia e fracaso e mentres unha delas quere saber qué é o que ten a outra que ela non tivera, a segunda prefire esquecelo todo canto antes e pasar páxina.
Pero isto no será doado: o defunto gárdalles unha nova sorpresa: se queren herdar algo del deberán convivir nun mesmo piso as dúas. Ambas son mulleres nunha idade difícil, séntense enganadas, traizoadas, e obrigadas a convivir cunha descoñecida, a cal, non esquezamos era a "outra". Aos poucos confesan mutuamente as súas debilidades e deixan ao descuberto os seus medos, as súas frustracións, as súas inseguridades, e, sen decatarse, comezan a construír unha sólida amizade que as levará a confesar o seu secreto mellor gardado: ambas creen ter matado ao seu defunto marido. Ata niso se asemellan.
Pero a confesión, no canto de ser unha liberación, pasa a ser o maior problema da convivencia, porque xa ninguén se pode fiar de ninguén. Xa é demasiado tarde para fuxir, están condenadas a entenderse, a vivir xuntas unha vida nova... deseñada para elas polo propio defunto.