Palito & Zahori, Trampoline e La Negra, oferta musical do Aturuxo para o que resta de mes de agosto
Por Alejandro Espiño
Tres interesantes concertos ofrecerá o Aturuxo (Bueu) nos últimos días do mes de agosto. A programación estival da sala chega ao seu fin coas actuacións de Palito & Zahori, Trampoline e La Negra, tres propostas completamente diferentes entre si e que, de seguro, farán as delicias dos amantes da boa música e da clientela habitual dunha das salas de referencia do circuíto musical pontevedrés.
O primeiro deles, o de Palito & Zahori, será o xoves 22 de agosto ás 22.00 horas. Un experimentado Zahorí (Javier López de Guereña, músico que forma parte de la banda habitual de Javier Krahe) acompaña e guía a Palito, guitarra en man, en busca do manancial oculto no campo dos cantautores anacrónicos. Esta cantautora e guitarrista, afincada en Santiago, está a iniciar a súa carreira e pertence como baixista á banda Mr. Magoo.
O sábado 24 de agosto ás 21.00 horas subirase ao escenario Trampoline. Trátase dun grupo, a medio camiño entre Bueu e Vigo, que fan pop en inglés, suxestivo e dinámico, con influencias musicais moi variadas, dende o folk americano ata o pop británico. Os coidados arranxos das cordas e o magnetismo das súas melodías quizais sexan a clave do seu particular son. Están a punto de publicar o seu primeiro LP, Motivations, que sairá á venda en setembro.
Por último, La Negra será a encargada de pechar a programación musical do mes. Será o sábado 31 ás 22.00 horas. ÿ o alter-ego musical de Amparo Velasco, unha muller que fusiona con mestría o flamenco, o jazz, o tango ou mesmo a música brasileira. Con tres discos no mercado, o último deles La que nunca (El Volcán Música, 2012), é unha das voces máis frescas do panorama musical español.
As entradas para o concerto de La Negra teñen un prezo de dez euros, as de Trampoline custarán cinco euros e as de de Palito & Zahori, catro euros.