Traca final do Náutico de San Vicente do Mar para despedir o verán: Depedro, Love of Lesbian, Leiva... e moito máis
Por Alejandro Espiño
O verán vaise acabando. E que mellor que rematalo ao grande. Iso deberon pensar no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove), que para estes últimos días do mes de agosto prepararon varios concertos con algúns dos nomes máis destacados do panorama musical español. Pola praia da Barrosa veremos, entre outros, a artistas como Depedro, Love of Lesbian (polo menos á metade deles) ou a Leiva.
Esta traca final comezará precisamente co exmembro de Pereza. Chega co seu proxecto alternativo, Motherfuckers, e acompañado do seu grupo habitual de colaboradores (Juancho, Ruly, Iván Chapo e César Pop). Farano cunha dobre sesión de clásicos do rock en español. Será o mércores 21 e o xoves 22 de agosto e o prezo, dez euros cada un dos días.
Un día despois, o venres 23 de agosto, será a quenda de Depedro. ÿ o nome artístico co que coñecemos ao músico Jairo Zavala. Presentará en O Grove o seu terceiro disco, La increible historia de un hombre bueno, un álbum produto das súas viaxes por todo o planeta con temáticas centradas en problemáticas locais e no que colaboran excelencias musicais de tres continentes distintos. ÿ, sen dúbida, o seu traballo máis ambicioso.
A música soul reclamará o seu protagonismo o sábado 24 co concerto de Freedonia. Trátase de dez músicos, encabezados pola máxica voz de Maika Sitte, que transmiten forza e sentimento no escenario. Desde os seus comezos, en 2006, contaron co apoio incondicional do público, grazas ao seu potente directo. O seu primeiro disco, titulado como eles, foi todo un éxito e moitos críticos situárono como un dos mellores traballos do ano.
Santi Balmés e Julián Saldarriaga, voz e guitarra de Love of Lesbian, regresarán o xoves 29 de agosto a un dos seus escenarios preferidos. Fano sen o resto dos seus compañeiros e nun concerto acústico no que repasarán os principais temas desta banda barcelonesa, que actualmente atópase en plena xira do seu sétimo álbum de estudo, La noche eterna. Los días no vividos. A entrada custará 17 euros.
O mes de agosto pecharano Teresa Bansgaard (venres 30), á que moitos apuntan como unha das firmes promesas da música española grazas á súa fusión de pop e folk; e Cosmosoul (sábado 31), un grupo que naceu da unión de cinco músicos de diferentes culturas para facer música orixinal explorando o soul e a música negra desde o ambiente cosmopolita de Madrid.