A artista local Margarita Millán expón a súa obra ata o 27 de agosto na Casa de Cultura de Ponte Caldelas
Por Redacción
Xa se pode visitar a exposición pictórica de Margarita Millán Fernández. A Casa de Cultura de Ponte Caldelas acolle entre o 19 e o 27 de agosto unha mostra desta artista local. A exposición, cuxas portas estarán abertas en horario de 12 a 14 horas e de 19 a 21 horas, abre os actos organizados polo Concello de Ponte Caldelas con motivo da Semana Cultural, previa ás Festas dos Dolores.
Margarita Millán, nacida en 1975 e residente en Baltar (Ponte Caldelas), é unha artista licenciada en Belas Artes que cultiva un estilo moi persoal, froito da experiencia e os estudos realizados ao longo do seu proceso formativo, no que o contraste de cores e a variedade de técnicas fan desta exposición un motivo moi interesante para a súa visita.
Esta nova artista realizou unha decena de exposicións en Galicia levantando un gran interese entre o público, sobre todo á forza que transmiten os seus cadros e á capacidade interpretativa que esta pintora ten dos motivos obxecto das súas obras.
Na súa técnica combina perfectamente retratos, como o de Colón, con motivos arquitectónicos, como a igrexa da Peregrina de Pontevedra, e paisajísticos residindo a súa forza expresiva na cor, combinada de xeito moi persoal, que non deixa indiferente a ninguén que contemple as súas obras.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, destacou na súa intervención inaugural as virtudes da nova artista pontevedresa e animou ao público en xeral a visitar esta mostra pola calidade das obras expostas e pola proxección artística desta pintora.