Ábrese o pano e aparece Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
"Embárcate nunha divertida viaxe pola historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista. Déixate acompañar por personaxes doutra época que che descubrirán os segredos máis ocultos da cidade. " Así é como a compañía pontevedresa Migallas Teatro, Turismo de Pontevedra e a Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental presentan as visitas teatralizadas, e a boa fe que cumpriron.
Así o testemuñaron todos os participantes no primeiro Paseo máxico desta tempada vivido na noite do xoves. ÿ esta unha actividade para todos os públicos que se desenvolverán durante as noites deste verán polo Centro Histórico de Pontevedra, como complemento ás visitas guiadas que se realizan durante o día.
Visitas teatralizadas polo centro histórico de Pontevedra organizadas pola compañía de teatro Migallas Teatro, que combinan con mestría a información cultural coas representacións teatrais.
Os visitantes son conducidos por varios personaxes a xeito de guías pola parte antiga da cidade e, ao tempo que se lles transmiten contidos sobre a súa historia dun xeito ameno e humorístico, ilustran as súas palabras coa evocación doutros personaxes vencellados ás prazas e rúas polas que pasan: Avenida de Santa María, CITA, Praza de Alonso de Fonseca e Campiño de Santa María, centrándose na historia medieval e renacentista da cidade.
O Fiel Contraste, Alonso de Fonseca, Tristán de Montenegro, Pedro Madruga, Paio Gómez Chariño, Xoán Nobre e Cornelis de Holanda e os homes e mulleres anónimos que habitaron a cidade e alredores ao longo dos séculos, son algúns dos personaxes que acompañan aos turistas nesta divertida iniciativa.