"Atlántico" de Xoel López sonará en acústico este xoves na Sala Maroon de Sanxenxo
Por Redacción
Xoel López regresa aos escenarios pontevedreses... pero esta vez en acústico. Unha vez concluída a xíra de presentación de Atlántico, o seu último disco, o artista galego decidiu dar unha serie de concertos acústicos. Unha das súas paradas é Sanxenxo. Actuará na Sala Maroon, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, este xoves 18 de xullo a partir das 23.30 horas.
Acompañado dalgúns dos músicos cos que compartiu este traballo discográfico como Lola García Garrido, David Quinzán e Fernando Lamas, Xoel López fará un repaso das cancións de Atlántico, o duodécimo traballo da súa carreira e o primeiro editado baixo o seu propio nome, deixando atrás a etapa como Deluxe. Aínda que non rompe do todo con esa época, porque no concerto soarán algúns dos seus éxitos pasados.
Producido xunto a Juan de Deus Martín e gravado entre A Coruña e Bos Aires, Atlántico foi dos lanzamentos máis agardados de 2012, xa que supuxo unha nova etapa musical e persoal para o artista tralo seu paso por diferentes países de América e o proxecto "Xoel López y la Caravana Americana", que enriqueceron os ritmos e fortalecido as melodías das súas novas cancións.
Xoel López é un dos artistas máis representativos da escena independente en España. Aínda que sempre se moveu entre os sons do pop-rock indie e o folk dos 60, el defínese como un artista libre. E así o demostra neste disco, adoptando un novo son co que triunfou de novo. Grazas a Atlántico logrou, fai apenas un mes, o premio mellor álbum de autor e ao mellor artista nacional de 2012 nos V Premios da Música Independente.
As entradas para este concerto teñen un prezo de 12 euros se se adquire de forma anticipada e de 18 euros se se fai na billeteira da sala.